Muxía asiste á súa cita anual co poeta local López Abente

La Voz

CARBALLO

16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Os autores aos que se lles dedica ano tras ano o Día das Letras Galegas comparten protagonismo en Muxía co poeta local Gonzalo López Abente, en honor do cal se leva a cabo cada 17 de maio unha ofrenda floral na súa estatua. O grupo de gaitas da asociación cultural Punta da Buítra invitará coa súa música a todos os veciños da localidade, que se concentrarán ás once e media da mañá. Media hora despois cambiarán de escenario para asistir, na Casa da Cultura, a un recital poético da obra de Lorenzo Varela. Tamén se fará unha lembranza de Gonzalo López Abente que inclúe a lectura dalgún dos seus versos. Para rematar a xornada, os nenos da escola municipal de teatro ofrecerán unha representación. O público terá, ademais, a oportunidade de ver a exposición sobre a vida e a obra do autor homenaxeado neste 17 de maio, e que está aberta desde o día 13 na Casa da Cultura. Mañá sera o último día para visitala.