Nómina de labartianos falecidos

XOSÉ M. VARELA

CARBALLO

NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS | O |

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:25 h.

A CADA tanto van arrancando a última folla do seu calendario de vida os nosos amigos labartianos. Persoas que mantiveron viva a memoria do máis grande escritor humorístico galego: Enrique Labarta Pose. Queda moi lonxe o pasamento do crego folclorista de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois, quen, nas sesións de catecismo, daba a coñecer os poemas de Labarta. O que máis fortuna tivo entre os cativos foi N'hai millor vida que a do labrego . Aínda hoxe podemos escoitar estes versos de boca de Sara do Sabelo en Neaño ou da de seu irmán José, nenos daquela. Tamén son recuadas no tempo as palabras que no discurso de ingreso na Academia Galega lle dedicou o poeta da terra de Nemancos, Gonzalo López Abente, a Labarta. Accidente de tranvía Se Labarta morreu nun descarrilamento de tranvías, Francisco Romero Lema perdería a vida nun accidente de tráfico cando volvía da misa á casa. Paquito Romero foi o grande coñecedor da vida e obra labartiana. Publicou artigos defendendo e reivindicando a figura literaria do seu conveciño, a familia garda aínda inéditos outros artigos que seguen abondando na defensa de Labarta a ultranza, estivo sempre detrás de toda homenaxe tributada ó autor de Millo miúdo na localidade natal e, en varios momentos da súa vida, tentou publicar a obra do humorista. De igual maneira cós versos de Rosalía e Curros andaban en boca das persoas do pobo, un dos máis xenuínos recitadores dos versos de Labarta foi o señor Fuentes. Unha queixa que a miúdo me fai saber Xosé Mª Lema é que foi mágoa que non se tivesen gravado as recitacións do señor Fuentes, porque lle aportaba ós textos do humorista un entrañable sentimento. Non hai moito tempo que faleceu o avogado baiés Braulio Astray, un dos últimos gardiáns dos tesouros labartianos en Baio. Con el, compartimos horas de conversa, mantivemos contacto telefónico e intercambiamos correspondencia que nos serviu de modo imprescindible para construír un pequeno arquivo labartiano. De todos modos, a máis grande achega que nos legou o señor Astray foi a árbore xenealóxica da familia Labarta Pose. O último amigo labartiano que nos acaba de deixar foi José Rojo Valiña, Pepe de Valiña. El, que era solteiro, amaba a Labarta tanto coma a un fillo. Animador sociocultural cando aínda non existía ese apelativo para os axitadores culturais. O seu imprescindible traballo foi un compromiso impagable para coa vila de Baio e para a perpetuación do nome de Labarta Pose. El abríalle as páxinas dos folletos das festas potronais baiesas ós artigos de Paquito Romero nos que rescataba a memoria de Labarta. Pero aínda hai máis. Fundou a Asociación Cultural Labarta Pose desde a que dinamizou a vida social baiesa e desde a que escenificou textos labartianos. Nestes últimos meses, como se dunha premonición se tratase, creou a coral Xan Mella. Nunha entrevista de prensa, José Rojo declaraba que con este nome querían seguir perpetuando a memoria de Labarta Pose. Amigo labartiano, Pepe de Valiña, por fortuna, ti non faleches en terras da emigración como lle aconteceu ó autor de ¡¡¡Probe gaiteiro de Baio!!! ou ó propio Xan Mella, o gaiteiro do poema. Os teus restos descansarán no cemiterio nativo. Pero a túa alma andará de esmorga cultural polo ceo a canda o tío Miseria, que conta ferrados de terra a eito, e a canda Labarta, que estes días se puxo a escribir un novo poema ás festas da nosa señoriña de setembre .