Onde nacen as espigas

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

FOTOS: CASAL

Crónica | A época da esfolla O tempo de apañar o millo é algo máis que un traballo rural. É a última gran labor do ano, chea de técnicas e verbas que se están perdendo coa modernidade

12 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?Como serán os museos da esfolla que se farán na segunda metade deste século? Ou antes. Botando contas co que pasou co liño, por aí lle andará o tempo no que alguén aproveitará un vello cabanote restaurado, do que colgarán tallos, espigas e esfolladores, eses instrumentos que parecen aqueles de sílex que se ven nas sás adicadas ás culturas prehistóricas. Se cadra, instalarán tamén proxectores de hologramas, ou como se chame daquela, que xoguen coa luz para facer ver, de mentira, a un homiño ou unha señoriña sentado ao carón da meda, collendo pés, botando a espiga ao cesto, mirando para o espectador e mandándolle un sorriso perdido no tempo. Antes de que iso ocorra, e por se non chegamos aló, merece a pena unha visita a unha esfolla de millo real e non virtual, co risco aceptado de que se cadra o visitante ten que axudar. Na leira, a alegría e a antropoloxía están moi ben consideradas, pero o traballo é duro e ingrato, e catro mans collen máis ca dúas. Así que, xa no agro, non por pouco contado cóntase unha vez máis. Advertencia: esta viaxe ao confín da eterna nenez ten que respectar aos elementos tradicionais. A idiosincrasia. Nada de máquinas que en media hora ensilan unha leira de dez ferrados, triturando planta e espiga e botándoa a tratores e camións, e deixando a leira chata como se aterrara un ovni. Aínda que, aos gardiáns da escencia, a primeira vez que viron como traballaban estas máquinas impresionoulles máis que se chegase unha nave espacial: as cousas raras non asustan, dada a formación que para asimilar o paranormal lle valiu ver a rolda ou os ritos da morte. Iso, tanto ten, aparecidos hainos en todas partes, ¡pero esfollar unha leira de dez ferrados en media hora, nunca tal cousa se vira nin se pensara! Falamos, polo tanto, de chegar a unha leira que respecte as ensinanzas seculares, malia que as leccións aprendidas incumplan todas as leis económicas de desenvolvemento e/ou de maximización de recursos. É o malo que ten sacralizar o costume. Falamos, pois, de millo do país (de mil cores, duro, que medra ao seu albedrío, non como o novo amarelo, recto como un valado de bloques), de medas, de esfolla arredor delas, de espigas e rebicos que van para o cabazo tras a esfolla. Estamos a falar dunha labor orfebre en todos os seus procesos, que empeza por cortar: cortar os pés altos cos fouciños, quitar os carunchos, abrazar monllos, aparealos na meda, pecharlle os vicos con vimbios. Esfollar (ou escunchar): deixar limpa a espiga das casulas (carrupas), pequenas e podres a un cesto, as boas e duras ao que importa, limpar os bigotes co cenceno (ou senseno ). Gardar: subir ao carro ou remolque, descargar, escoller outra vez, para a semente, para o cabazo, para os porcos. Un universo semántico e sensitivo do outono que nunca imitarán os ordenadores. En realidade, nin sequera os imitan as novas xeracións, e as vellas déixanse levar por unha herdanza que noutras épocas servía para facer aldea, falar, aprender, e, tamén, poñerse como pitos e amolar ben o lombo. Tempos perdidos.