A troitiña

ANA VIZA

CARBALLO

CRÓNICAS SONEIRÁS | O |

01 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

AGORA QUE podo gozar da miña ganada xubilación na nosa terriña decátome de cousas que antes, cando só me achegaba por estas terras soneirás uns poucos días polo Nadal, me pasaban desapercibidas. Levo uns días pasmada coas moitas festas e romarías que vexo anunciadas na proliferación de cartelería que se asenta en calquera lugar no que se poida termar un papel con fixo. E o que máis me abraia é a pouca, ou ningunha, orixinalidade dos carteis. Todos son iguais, sen ningún tipo de deseño estético, asépticos, cheos de propaganda que a maioría das veces hai que ollar con lupa. Hai que facer ímprobos esforzos para atopar algún que destaque. E cando atopei un diferente... revolvéronseme as entrañas. Escribo isto polo cartel anunciador da Festa da Troita en Baio, na ribeira do río Grande. Olleino o outro día cravado nunha árbore cando fun á Festa da Carballeira (esa xornada gastrómico-etílico-erótico-festiva que é un verdadeiro canto á convivencia e á fraternidade), e nun principio pensei que se trataba dunha brincadeira de mal gusto. Pero non, é o cartel oficial. Non sei quen é o responsable (e o escribo en masculino porque estou convencida de que é un varón) de dito atentado contra a dignidade feminina, pero se o que quería era que a xente falase da festa abofé que o logrou poñendo no cartel o retrato dunha muller núa cunhas troitas tapándolle as vergoñas . Só unha mente maquiavélica podería desculpar que o fin (dar a coñecer a festa) xustificase uns medios (o cartel) que son unha aldraxe contra a igualdade de sexos. Dame mágoa pensar que, a principios do século XXI, aínda quedan xentes (non son persoas) que seguen a utilizar á muller como obxecto e por riba presumen diso. Se o que quería era que reparásemos no cartel... pois que se fotografiase el espido cunha soa troita. Claro que igual o denunciaba o gardarríos.