A existencia do paranormal

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

14 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

LIN CON atención unha reportaxe que publicou este domingo La Voz sobre os fenómenos ovni en Galicia. Contra o sentir xeral, non tomo estes temas a chanza. Son consciente de que os fenómenos paranormais existen. Así xa lles falei hai meses dun meigo da bisbarra que é capaz de adiviñar nunha rápida consulta a que compañía leiteira lle vende o leite o cliente(algo sumamente difícil, tendo en conta a endémica crise dun sector afeito a cambios traumáticos). Sei do caso dun emigrante en Cuba que lle fixo tres fillos á muller que quedara aquí, sen ningún tipo de contacto físico. «Foi todo co pensamento, ¡canto me quere meu pobre¡» explicaba para asombro dun vecindario profano en cuestións de telequinesia. Por se estes dous exemplos non chegaran, podería relatarlles o caso doutro paisano que viu hai anos á estadea movendo nos marcos dun monte. Aos parroquianos máis escépticos razoáballes que a Compaña tivera que cambiar de choio pola proliferación das funerarias, «eu non digho nada, ben feito non está pero cada un busca o pan onde pode, meu home».