En defensa do carballo de San Fins de Cambeda

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA | O |

05 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Sempre a mesma cantarea: destruír, estragar, escarallar , cortar polo san. Pero iso, si: «con toda a boa fe do mundo», e xa quedamos máis tranquilos. Trátase da esmoucadura que en plan bárbaro se lle fixo cunha serra mecánica ó carballo da ermida de San Fins (Cambeda) -a máis representativa das árbores da Terra de Soneira- ata deixalo nos ósos , espido e ridículo coma un polo desplumado. Pero iso si: «Fíxose con boas intensións». Escudo municipal Será casualidade que as poucas novass que da Costa da Morte en xeral aparecen nas páxinas xerais dos xornais decote traten da nosa teima destrutiva? O emblema comarcal debera ser un descomunal machado, unha motoserra ou unha Caterpillar ; o escudo dos Moscoso de Altamira -unha cabeza de lobo cortada polo pescozo e pingando sangue- non ía moi descamiñado. De pouco serviu que o valor simbólico e antropolóxico deste carballo o puxéramos en valor na nosa obra de 1993 A Arte Relixiosa na Terra de Soneira , na que, despois de destacar a importancia dun rito ancestral en relación co culto a san Fins, escribíamos: «En calquera época do ano aínda hoxe ven xente a pé desta vella árbore, na procura dos seus supostos poderes curativos para as máis diversas doenzas: tráense sobre todo aos rapaces; a cerimonia consiste en dar unhas voltas co ofrecido darredor do carballo, esgázase unha póla e a persoa enferma debe pasar por debaixo dela; esa póla métese en barro envolveito nun trapo; se prende [no carballo], o doente sana, se non prende, haberá que buscar outro remedio...». De pouco serviu que este carballo fose catalogado polo equipo que en 1994 levou a cabo no Concello de Vimianzo a primeira fase da Elaboración do inventario e catalogación do Patrimonio Histórico Etnográfico inmobiliario da Costa da Morte como un ben a protexer. As fichas deste inventario dormen en caixóns da Dirección Xeral do Patrimonio e xa se ve a súa nula utilidade. De pouco vai servir, en fin, que na obra colectiva que presentaremos proximamente para a súa publicación catro autores soneiráns, A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte , fagamos unha mención especial da ancestral árbore sagrada e do seu rito, e que incluamos unha foto de 1985 na que se aprecia toda a súa fermosa copa. Nalgunhas crónicas destes días parecía haber certa ironía ó falar do milagre do carballo e do respecto que se lles ten ós súas grosas pólas tronzadas. Crenzas respectables O antropólogo Mariño Ferro considera estas crenzas tan respectables como outras que, por térmolas asumidas, non discutimos. ¿Acaso non imos mollar a testa e a cara á bamiresa fonte de Monte Torán ou a outras fontes santas doutros santuarios para que nos sanen as doenzas? En Lourdes -na adiantada Francia- venden auga milagrosa envasada. O mellor milagre do carballo de San Fins está -¿ou estaba?- na súa propia existencia, pois é verdadeiramente incrible que un culto de quizais máis de dous mil anos resistise o paso do tempo ata os nosos días. Un culto precristián que foi asimilado polo cristianismo. Un culto ás forzas da natureza, ó poder curativo de certas árbores ( dendrolátrico , do grego dendron: árbore), que se coidaba totalmente desaparecido. Esta pervivencia remóntanos polo menos ó século VI, a falarmos dun eclesiástico -san Martiño de Dumio ou de Braga (bispo desta cidade, daquela galaica e agora portuguesa)- que viñera de Centroeuropa á antiga Gallaecia romana para cristianizar os suevos nela asentados e recristianizar os galaicos. Este bispo empeñárase en erradicar os costumes relixiosos de adorar as pedras, as augas, as árbores e outros obxectos da natureza, e para corrixir a os rústicos que as practicaban escribiu a obra De corretione rusticorum , que foi cualificada como «o primeiro monumento do folclore hispánico». Visto que san Martiño non obtivera o éxito que agardaba condenando estes cultos, o cristianismo optou por ilos asimilando asociándoos a santos e santas, e fóronse construíndo pequenos e grandes santuarios xunto a antigas fontes de augas santas e milagreiras -Monte Torán en Bamiro, Castrobuxán en Calo...-, xunto a pedras con poderes curativos -a Barca de Muxía-, ou no cume dos montes, onde disque se xuntaban forzas do mal (San Bartolomeu de Salto, e moitos máis). Hai santuarios ergueitos no medio de carballeiras, pero o único que nós saibamos asociado a unha árbore sagrada tan sinalada é o de San Fins de Cambeda. ¡E imos nós, os listos do século XXI, e mutilamos esa senlleira árbore! A bárbara motoserra vimiancesa case remata coa vida dese centenario ou milenario carballo sagrado que incluso respectaran os monxes do desaparecido priorato de Baíñas , que no primeiro tercio do XIX aínda tiñan ao seu coidado a ermida. Reverdeza Esperemos que o vello carballo reverdeza e que recupere as súas poderosas pólas. Aproveitando a moita sona que tivo estes días, ¿por que o Concello de Vimianzo -que, con bo criterio, anda a potenciar como festa de interese etnográfico a Faguía de Carnés- non fai un esforzo para protexelo e potenciar o seu valor etnográfico? Poderíase chegar a algún acordo co dono do terreo onde se atopa a árbore para mellorar o acceso a ela e adecentar o seu contorno para que visitantes e ofrecidos sigan dando, como hai centos de anos, as nove voltas máxicas. Este é outro sitio único e irrepetible que só se pode ver nesta Terra de Soneira que tantas sorpresas nos depara. Non desaproveitemos esta nova oportunidade.