Literatura galega en México

MODESTO FRAGA

CARBALLO

ANDÉN LITERARIO | O |

11 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

CON MOTIVO da celebración do 69º Congreso Mundial de Escritores en Ciudad de México, catro representantes da literatura galega actual, Luis G. Tosar, Helena Villar, Xesús Rábade Paredes e eu mesmo acudimos a este país sudamericano para testemuñar a significación histórica e contemporánea da lingua e a literatura galegas no contexto lingüístico-literario universal. Así, baixo estas premisas, os autores galegos tiveron unha notable presencia neste Congreso das Américas con dúas ponencias a cargo de Tosar e Rábade e dous recitais con Helena Villar e eu mesmo. Aproveitando o lema do encontro, Diversidad cultural y libertad de expresión , os membros da delegación galega desenvolveron as súas disertacións facendo especial énfase na importancia do idioma como vínculo necesario para a creación e, asemade, recitando os seus poemas na lingua de Rosalía de Castro. Poemas de Ese estraño silencio (2002) e Mar de ausencias (1999) foron a miña aportación no recital celebrado no salón Nuevo León baixo o epígrafe Literaturas de México y del mundo. Nestas lecturas poéticas participaron, ademais, entre outros, Laura Esquivel, Antonio Tabucci, Casimiro de Brito, Dulce María Méndez, Huguette de Broqueville amais dos escritores galegos antes citados Inclusión Por outra banda, a Asemblea de Delegados do Pen apoiou de maneira masiva e por aclamación a entrada do Pen español na entidade literaria internacional. O Pen Clube de Galicia foi, perante os delegados dos máis de 130 centros, xunto co escritor peruano Mario Vargas Llosa, o máis firme valedor e impulsor da creación e posterior aceptación do clube literario español no Pen Internacional. Sinalar, así mesmo, que no Congreso Mundial de Escritores, adicado nesta ocasión á memoria de Octavio Paz e Manuel Ulacia, homenaxeouse en concordancia co lema do evento ás linguas indíxenas en todas as súas expresións (zapotecos, mixtecos, chinantecos, mixes, cuicatecos, etc.) Ademais, a petición dun grupo de mulleres sensibilizadas cos asasinatos acontecidos en Ciudad Juárez, os escritores participantes, abandeirados pola Premio Nobel de Literatura, Nadine Gordimer, asinamos un manifesto de denuncia para que as autoridades mexicanas tomen cartas no asunto e leven o antes posible á Xustiza ós responsables de tan macabros crimes.