«O Concello de Carballo nunca me invitou a unha actividade cultural»

CARBALLO

Entrevista | Manuel Facal Ponte Entre as moitas dedicatorias e firmas do libro de honra da institución municipal carballesa, desde onte figura tamén un debuxo do artista local máis internacional

09 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O único carballés vivo que ten dedicada unha rúa na localidade, como lembrou o alcalde, deixou a súa pegada no libro de honra do Concello. Con tinta vermella e bolígrafo azul fixo un debuxo moi do seu estilo, e sobre el plasmou as palabras «nunca máis», a súa sinatura e a data. Manuel Facal Ponte (Carballo, 1943) fixo as paces coa Administración local e só tivo palabras de louvanza para o novo goberno, representado no acto polos líderes dos tres grupos e a concelleira de Cultura. - Imaxino que é un día especial para vostede, como carballés e como artista. -Agradezo a invitación, aínda que sexa despois de moitos anos e gracias á nova situación que existe agora no Concello de Carballo. - ¿Botaba de menos o recoñecemento institucional? -Por parte de certa xente sempre houbo unha percepción excesiva sobre min. En cambio, outra xente pasou sempre olimpicamente da miña presencia. ¿Máis claro? Que pola anterior corporación practicamente nunca se me invitou a ningunha actividade cultural, nunca, e iso paréceme bastante grave, sobre todo cando eu recibo invitacións da Fundación Barrié, da Xunta, de Fraga... toda esta xente invítame constantemente a actividades, en cambio o Concello de Carballo, onde eu nacín, onde había unha corporación que era do PP, nunca me invitou a unha actividade cultural. - Pero todo indica que iso vai cambiar... -Espero que si. Esta xa é a proba de que hai unha nova situación. - ¿Inclúe esa nova situación unha exposición en Carballo? -Non de inmediato, pero si. Era un compromiso que xa tiña. - ¿Sería a primeira? -Non. Xa fixen unha pequena mostra de pintura fai moitos anos, quince ou así. - ¿Que cambiou na súa obra desde aquela época ata hoxe? -¡Uf! Digamos que hai unha valoración do que facía trinta anos atrás e hai un pouco unha intención de volver ó que facía antes, cunha nova visión, pero apreciando o que xa facía hai trinta anos. - ¿É difícil atopar continuamente a inspiración? -Si. É complexo, porque, supostamente, cando fas unha pintura moi convencional non hai problema, porque é cuestión de repetirse e repetirse. Pero cando realmente un quere facer unha obra moi de compromiso, innovadora, que estea á luz do tempo actual, que sexa contemporánea, pois é moito máis complexo, porque tes que estar movéndote, intentando buscar novas maneiras de representar. - ¿Cales son eses compromisos que pretende reflectir a través da arte? -Depende do momento, da situación. A actual é unha época máis de compromiso que case todo o anterior. A obra que estou a facer agora é unha obra máis comprometida co momento, porque hai un pouco de figuración, pero as situacións políticas, con influencias da situación de Palestina... transfórmana nunha obra máis social, máis comprometida que a outra, que era máis lúdica, a pintura pola pintura, máis estética. - ¿É vostede un dos artistas que enarbolaron as bandeiras contra a guerra e a xestión do «Prestige»? -A xente decíame, ¿por que non falas do Prestige ? Pero, ¿sabes o que ocorre? Que a información é moi devoradora, moi do tempo. Quizais se te anticipas a ese feito é interesante, pero cando está xa o feito consumado non ten interés ningún. Eu recordo que fixera unha exposición fai uns seis anos en Buño, no Centro Comarcal, e realmente era un pouco alusivo a iso, porque eran moitas pinturas todas de negro absolutamente e algunhas paisaxes de mar negro. Foi unha cousa premonitoria, pero poñerme a facer agora obra do Prestige non ten interés ningún para min, a pesar de que afecta, obviamente, pero xa son suficientes as imaxes que hai por aí para ilustrar ese feito. - ¿Pensa que a xente necesita ese tipo de referentes? -A situación é tan caótica, tan dramática, que non necesita moita reflexión. É tan obvio e tan elemental que calquera persoa se queda conmovida. Non fan falla artistas que lle vaian contar o drama ó pobo, porque é un drama que vive a xente, que conmove a todo o público. Non fai falla que sexa un ilustrado para ver o dramatismo desa situación.