Literatura e regueifa

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

06 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

LIN ONTE na Voz que Vargas Llosa fora abouxado en Bogotá por ter criticado a García Márquez. Estes dous cumios da literatura sudamericana andan enleados por mor das súas opinións sobre Fidel Castro. O xornalista Xesús Fraga na súa crónica fala da grande relación que houbo entre os dous escritores noutrora na que a súa amizade era moi forte. Na mesma crónica relátase unha labazada que o peruano lle deu a García Márquez nun cine de México. O verdadeiro problema, máis aló do ideolóxico, parece radicar nun asunto de saias que lle sentou moi mal a Vargas Llosa. Fora coma fose, a relación destes dous xenios da literatura semella o argumento dunha apaixonante e retorcida novela con tódolos ingredientes necesarios: ideas políticas, gran amizade, a mesma muller, rivalidade artística... Niso si que son mestres os dous, na arte de facer eses difíciles artefactos de reloxería que son as novelas. Quen lea Cien años de soledad decatarase ao momento que detrás desta marabillosa obra agóchase unha estructura case máxica, resolta cunha calidade dificilmente superable. Crónica de una muerte anunciada ou El amor en los tiempos del cólera demostraron anos despois que Gabo tiña un papel sobranceiro na historia da literatura mundial. O seu rival, Mario Vargas Llosa, con tantos detractores coma seguidores, posúe tamén o pouso do bico dos deuses na súa pluma. É unha pena que en vez de andar a mocazos e á greña non aprendan a ter desafíos literarios onde lucir as súas afamadas dotes. Se foran da comarca podían empregar o noble arte da regueifa ou as sabias cantigas populares como armas: pica canteiriño pica / pica na pedra miúda...