Os alumnos do colexio Bayón de Ribeira fan un chamamento á protección do mar

C. Abelleira CARBALLO

CARBALLO

CASAL

A catástrofe do «Prestige» centrou a intervención dos nenos no programa semanal de Radio Voz Galicia O centro promove a recollida selectiva de papel, cartón e pilas nas aulas

01 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Co mar de Ribeira como telón de fondo, os alumnos de sexto curso do colexio Bayón falaron de medio ambiente no programa Xuntos na escola , que se emite tódolos sábados en Radio Voz, de 9.30 a 10.00 horas, desde as instalacións de Sogama en Cerceda. Os propios nenos encargáronse da presentación, que aproveitaron para convidar ós oíntes a visitar a súa comarca: «É moi atractiva, xa que temos paisaxes fermosas que todo o mundo ten que ver: as dunas de Corrubedo, o dolmen de Axeitos e a praia de Coroso e a Ladeira». Durante os trinta minutos de emisión estivo moi presente a traxedia do Prestige , que os nenos demostraron coñecer de primeira man. Nunha maqueta elaborada, fundamentalmente, con plástico e cartón, como explicaron dous dos seus artífices, quixeron render unha homenaxe á xente do mar «que sofre por culpa do chapapote». Por iso construíron un barco de vela con dous mariñeiros voluntarios a bordo que recollen o fuel. Tamén se pode ver cómo o verquido afecta á fauna.O obxectivo dos traballos elaborados -entre eles un simpático e pegadizo anuncio publicitario cantado ó ritmo de Chiguagua e unha obra de teatro con moitos personaxes e non menos sentido do humor- foi «ensinarlles a tódolos nenos e nenas do noso colexio e doutros que debemos coidar o noso medio ambiente», explicaron os rapaces. Traxectoria No colexio Bayón, o respecto polo medio ambiente non se limita a un día. Os nenos de sexto curso aproveitaron a experiencia para supervisar «que en cada clase houbese preocupación polo reciclado do papel, así que, os que non tiñan un recipiente para meter o cartón e o papel encargámonos nós de que o tivesen». Por suposto, tamén se colocou un recipiente para as pilas. A súa participación no programa de Radio Voz coincidiu en pleno antroido, así que algúns dos rapaces acudiron co pelo pintado de cores.