O MAR NA POESÍA

La Voz

CARBALLO

17 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Conmemorando os dous mil anos de existencia de Galicia, o Museo do Pobo Galego celebrou en xuño do 2000 un encontro co título O Feito Diferencial Galego . Agora acábanse de publica-las actas deste encontro, e queremos informar dun dos relatorios nos que está presente a Costa da Morte. Baixo o epígrafe As Paisaxes de Galicia , Francisco Fernández Rei, membro do Instituto da Lingua e da Real Academia Galega, leu un traballo titulado O mar na literatura galega: ondas, ventos, illas, ribeiras e vagallóns (pp.219-260). Divide a súa intervención en nove apartados. Un primeiro de introducción, e os dedicados respectivamente ó mar de Vigo, de Cangas, de Arousa, da Costa da Morte, da Mariña luguesa, ó mar da liberdade e ó Grande Sole e outros. Centremos logo o noso interese no mar da Costa da Morte. Xa na introducción fai referencia ós poetas de Fisterra que publicaron a antoloxía De mar e vento (Alexandre Nerium, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Xoán A. Moure e Roberto X. Traba), salientando o léxico do primeiro deles. Neste limiar tamén subliña a presencia do mar nos poemarios O devalo do mar , de Rafa Villar, Cemiterio de gaivotas do porteño Rafel Lema, e Hinterland , da carnotana Pilar Beiro. No apartado quinto, que titulou Os tombos e os coídos da Costa da Morte , comenza falando de Xervasio Paz Lestón, que desde Bos Aires lembraba o seu mar muxián. Detense máis noutro poeta emigrado na Arxentina, o láxense Antón Zapata García, de quen no seu libro A roseira de soidade podemos atopar gran variedade de léxico: ondas, vagallóns, vagas, tombos, furnas, rochedos, coídos, nordés, nordesía, nortada, refachos, maresía, socheos... A riqueza deste vocabulario marítimo xa fora celebrado por Otero Pedrayo (quen prolograra o libro de Zapata) e por Carballo Valero. Do mar de Fisterra achéganos Fernández Rei a obra do chairego Darío Xohán Cabana, Patria do mar, para logo volvernos lembrar algunhas composicións de Alexandre Nerium e Mónica Góñez. Mentras que desde o alto das Paxareiras, a mazaricana Isolda Santiago contempla o Cabo Fisterra, o monte Pindo e mailo areal carnotán no Berce das estampas . Glosario Por último, a costa malpicana e as Sisargas figuran no poemario de Cristina Amenedo Mar Aberto e nos relatos de Xelucho Abella de A ermida do diaño , onde o escritor malpicán recolle un glosario con abundante léxico mariñeiro. O interese por este tema xa o reflectira Fernández Rei no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. No apartado O mar e a literatura daba conta da poesía de Zapata, Paz Lestón, Rafa Villar e mailos poetas fisterráns, así como da narrativa de Xelucho Abella. Non están aquí todas as mostras sobre o noso mar, pero son un bo exemplo delas. Desde logo, podemos botar en falta os tombos, coídos, furnas, vagas, ondas e restingas de López Abente. Son moitos os que cantaron e contaron a perigosidade e tamén as excelencias do mar da Costa da Morte, e agardemos que traballos coma este e de xente tan cualificada coma Fernández Rei sirvan para que sexan moitos máis.