«Os nenos respectan o que coñecen»

La Voz

CARBALLO

José Manuel Menéndez, monitor do obradoiro medioambiental Senda Nova

09 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

José Manuel Menéndez, que traballa como xardiñeiro en Carballo, é o coordenador e un dos monitores do obradoiro Senda Nova, a primeira iniciativa medioambiental da Cruz Vermella Xuventude en Galicia. A experiencia, na que participan 25 rapaces de dez e once anos de idade, lévase a cabo desde primeiros de curso, e rematará o vindeiro 25 de maio cunha festa ó aire libre. - ¿Como naceu o proxecto Senda Nova? -Máis que nada, eu penso que polo interese que hai polo medio ambiente. Está aumentando o número de persoas que mostran interese polo medio ambiente, e ademais en Carballo temos un marco privilexiado. A idea era estudiar un pouco o concello a nivel patrimonial, porque temos de todo, e a nivel natural tamén, e traballar con rapaces. - ¿Cal foi o traballo que se levou a cabo ó longo de todos estes meses? -Fixemos moitas cousas. Estudiamos un pouquiño de teoría, entre comiñas, para intentar explicarlles os rapaces o motivo de que existan as cousas. Tamén fixemos unha saída ás parroquias costeiras do concello, e agora imos facer outra á parte sur. Estamos traballando tamén nunha maqueta do concello, con relieve e todo, estamos facendo un herbario, estamos recopilando noticias sobre o medio ambiente, sobre todo do municipio, e estamos a facer unhas placas cos nomes científico e vulgar das árbores que hai no Parque do Anllóns... Na parte final do curso estamos traballando máis na parte práctica. - ¿Amosan interese os nenos por estes temas? -Si. A verdade é que non pensei que estiveran tan preocupados polo medio. O que pasa é que os rapaces respectan o que coñecen, e canto máis coñecen, máis aprenden a respectalo. É difícil que respecten unha cousa que non coñecen. O que máis lles gusta é a parte práctica, as saídas e a maqueta. Véxoos con moita ilusión por acabala. - E para o monitor, ¿que representa esta experiencia? -Levo ano e medio na Cruz Vermella Xuventude, pero non son eu só quen está levando o proxecto. Somos sete voluntarios que estamos intentando levalo para adiante. Hai que darse conta de que unha persona, nin dúas, nin catro poden levar adiante isto. Ganas non faltan, pero fai falla apoio, aínda que teño que agradecer o apoio que estamos tendo do Concello de Carballo e da Cruz Vermella, sobre todo por crer nun proxecto deste tipo. - ¿Podería ser éste un primeiro paso? -O tema medioambiental é unha nova aposta da Cruz Vermella Xuventude. Esperemos ter apoio para seguir adiante.