«A asociación está dividida polos topes, pois algúns non os respetan»

La Voz

CARBALLO

RAMÓN VILELA FERRÍO, PRESIDENTE DOS PERCEBEIROS DE MUXÍA

23 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Na asociación de percebeiros de Muxía están adscritos oitenta traballadores. O seu presidente, Ramón Vilela Ferrío, asegura que a directiva está plantexando varias modificacións para este ano. -¿Cales son eses cambios? -O primeiro que queremos facer é volver a ter tres zonas de explotación, igual que o ano pasado, porque resulta máis rentable. Queremos reservar unha zona que nos interesa para o Nadal e, desta forma, poder competir co resto de xente que vende percebe. Nesa época hai que meter no mercado o mellor producto posible. -¿Inflúe tanto a veda? -A veda inflúe moito na calidade. Se o ciclo do percebe é de nove meses, non é o mesmo collelos de tres meses que de seis. É máis rentable esta última opción e por elo queremos modificar o plan. -¿Cal é a outra gran «modificación» prevista? -Intentaremos que nas eleccións da confraría que se celebrarán o próximo sábado pola mañá colocar tres representantes dos mariscadores. Polo momento hai seis candidaturas. -¿O furtivismo é un problema grave en Muxía? -Sempre aparece algún rana de pesca submarina, pero a pé casi non hai porque a zona está moi ben vixiada. O que si hai é xente vinculada á droga que antes practicaban o furtivismo. Agora estas persoas están dentro da agrupación e as temos máis controladas. Preferimos que estén dentro, que vaian con nós, e xa non vaian a zonas cerradas pola veda. Outros non respetan o cupo. Esperamos poder utilizar unha lancha para controlar ós percebeiros de a flote, para que non haxa conflictos, rivalidades cos de terra. -¿Eso crea conflictos dentro da asociación? -A verdade é que a agrupación de percebeiros está dividida polos topes, porque algúns non os queren respetar. Incluso houbo propostas para que o cupo chegara a quince kilos, o que da unha idea do que normalmente se recolle. Eso é unha barbaridade, porque se invadiría o mercado e, ademais, a Xunta non o permitiría. -¿E como é a colaboración co Servicio de Protección de Recursos da Xunta? -A verdade é que van por libre. É normal porque teñen moito traballo e collen zonas moito máis amplas. Por Muxía fan bastantes controis.