Os concellos da comarca asumen cada vez máis o papel de dinamizadores culturais

C.A.M. CARBALLO

CARBALLO

FESTA DA PALABRA A maior parte das actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas tiveron carácter institucional A celebración do Día das Letras Galegas ten cada vez un carácter máis institucional e menos reivindicativo, e iso reflictese nos programas de actividades que se desenvolven cada 17 de maio. Atrás quedaron os anos nos que se convocaban concursos literarios por ducias en tódolos concellos da zona, nos que non había centro educativo que non tivera a súa propia publicación conmemorativa nin asociación cultural que non organizase, como mínimo, unha exhibición folclórica. Algunhas destas actividades sobreviviron, pero perderon forza en favor doutras opcións moito máis lúdicas e que chegan, na maioría dos casos, da man dos concellos.

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde a xa tradicional homenaxe a López Abente en Muxía ata a mostra folclórica de Cabana ou o maratón de lectura de Carballo, a maior parte dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas foron promovidos polos concellos. Esta situación, inimaxinable non hai máis de dez anos, obedece a varios factores. Por una banda, na última década creceu de forma considerable o interés das institucións pola cultura, froito dunha demanda social cada vez máis importante. Pero iso reflíctese, por exemplo, na contratación de técnicos en casi tódolos concellos. Por outra banda, o movemento asociativo non atravesa o seu mellor momento, e a escasez de fondos impídelle competir coas institucións. A consecuencia é que o Día das Letras Galegas xa non se celebra como hai dez ou vinte anos. Daquela había moi poucos concellos que nin sequera pensasen en organizar actividades conmemorativas dunha data que, por outro lado, tiña un contido máis reivindicativo da cultura, en xeral, que se facía en Galicia. Corcubión, un concello gobernado por nacionalistas desde as primeiras eleccións municipais, rompía esa tónica. Hoxe, sen embargo, non organiza ningún acto. Tamé é cada vez menos frecuente atopar entre os programas concursos literarios, que noutros tempos convocábanse por ducias, ou actividades puramente literarias. A sociedade actual decántase pola música, o teatro ou os festivais.