«Savater está en primeira liña»

La Voz

CARBALLO

JOSÉ ANTONIO VIÑA, DIRECTOR DO IES ALFREDO BRAÑAS

07 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

José Antonio Viña Patiño exerce como anfitrión do filósofo Fernando Savater, que hoxe acude a un encontro cos alumnos do instituto Alfredo Brañas de Carballo. -Ter no instituto a unha persoa como Fernando Savater non debe ser fácil. -É todo un luxo ter a Fernando Savater aquí. Son esas casualidades que se producen moitas veces, xestionadas por antiguos alumnos, por certo, deste instituto. Neste caso, dun antigo alumno que agora vive aquí en Carballo e que se chama Santiago Pazos, que é amigo personal de Fernando Savater. Acude por cuestións de amistade personal, e ademais é unha persoa encantada de falarlle ós xoves. -¿E de que vai falar? -Vén falar de ética, que é o seu. A figura do filósofo que é Fernando Savater, que é importantísima nos últimos quince ou vinte anos, cunha obra filosófica moi transcendente, moi lida... está sendo un pouco eclipsada polas súas circunstancias personais, porque debido á súa coherencia vese no que se ve, ameazado, etc. Pero, fundamentalmente, Savater é un filósofo e un profesor, e desde logo ó instituto vén falar de ética e vén debatir cos alumnos de primeiro de Bacharelato e COU. -Pero non se pode esquecer que é voceiro da plataforma «Basta ya». -Esta inmundicia do terrorismo, porque non ten outro nome, ten que acabar aflorando necesariamente, eu creo que tanto que fora Fernando Savater como que fora outra persoa; pero dáse a casualidade de que el está en primeira liña neste momento nesa plataforma Basta ya. Pero, efectivamente, non ten nome que non se poidan defender as ideas nun país democrático.