Presentada a primeira obra que recolle as características da fala de Soneira

REDACCIÓN CARBALLO

CARBALLO

O acto, celebrado no auditorio de Baio, tivo o respaldo de máis de setenta persoas Onte foi presentado en Baio a obra «Vocabulario de Soneira», que consta de catro mil palabras recollidas por Francisco Romero Lema a mediados de século e editado agora polo filólogo Xosé María Rei Lema. O libro é o primeiro que recolle as características propias da fala de Soneira, pero da Soneira que entendía o compilador: vinte parroquias das que Baio sería a súa capital. O acto, celebrado no auditorio, foi multitudinario, xa que máis de setenta persoas e catro académicos se achegaron ata Baio. Destacaba a presencia da familia de Romero Lema e a de numerosos investigadores da zona.

22 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A organización do acto, a Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas, estaba abraiada ante tanta concurrencia, xa que as previsións eran moito menos optimistas. Moitos amigos, veciños de Baio e doutros puntos da Costa da Morte e a familia de Romero Lema seguiron con atención os discursos, pronunciados polo propio Rei e polo reptresentante da comisión, Jorge Mira. Tamén do académico Manuel González, que tiña tres colegas ó seu arredor: Salvador García Bodaño, Xesús Ferro Ruibal e Ramón Lorenzo. Estaba prevista a presencia doutros dous, pero por impedimentos de última hora non poideron achegarse. Para González, director do Seminario de Lexicografía da real Academia Galega, o Vocabulario de Soneira «ten un valor etnográfico importante», xa non só pola recolleita de verbas propias da bisbarra e de gran parte de Galicia, senón tamén por conter refráns, cantigas e apreciacións sobre o significado das cousas. O profesor de Filoloxía engadiu que «cando o lía, recordaba cousas da miña nenez, como se amasaba na artesa ou como se cargaban os carros. É, desde logo, unha obra importante, un vocabulario, si, pero tamén algo máis». Comentou que a pretensión do autor _finou hai vinteoito anos en accidente de tráfico en Baio» era a de ir abarcando outras áreas xeográficas de Galicia, pero non pudo ser. O académico tamén destacou a calidade científica do libro, «xa que hai estudios léxicos, fonéticos e morfolóxicos». Finalmente, houbo unha comida de homenaxe a Romero Lema á que asistiron corenta persoas, desbordando novamente as previsións iniciais.