Mónica Alonso exhibe no Mugart a súa peculiar visión da casa tradicional do rural na que naceu
RIBEIRA
«Macropsia» fala da memoria da infancia nunha serie de gravados que comezaron a realizarse a comezos dos 90
29 ago 2026 . Actualizado a las 18:02 h.O Mugart conta desde onte cunha nova mostra que ten como protagonista á luguesa Mónica Alonso. «Macropsia é unha exposición moi importante para min», recoñeceu a artista na inauguración. Explicou que macropsia é un trastorno da percepción visual «que fai que a persoa vexa o espazo máis grande do que realmente é».
Relatou que ela naceu no rural, «nunha casa tradicional de planta cadrada» e que a aparición dos obxectos representados nos gravados a ve «como as pistas dun caso sen resolver. A memoria da infancia ten cos obxectos unha proba tanxible, unha testemuña, que permaneceu oculta ata que se reabriu novamente o caso».
Antes de que Alonso tomase a palabra falou Xoán Pastor, director do Mugart, para abrir o acto. Presentou á artista e fixo un breve resumo da mostra. Despois foi a quenda de Javier Expósito, vicepresidente da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, para destacar a universalidade do Mugart e dar paso a Manuel Quintana, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), que expresou a súa admiración por Mónica Alonso. Xunto a el estivo o académico da Ragba Fernando Agrasar.
Para pechar, a concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Barreiro, sinalou que Macropsia «fala da memoria, da percepción e da casa, pero sobre todo nos fala de nós». Destacou que «resulta moi interesante o diálogo entre as primeiras obras, realizadas en 1993 e 1994, e as pezas máis recentes, do 2024 e 2025. Trinta anos de creación que permiten ver unha evolución, pero tamén unha extraordinaria coherencia».
Un cento de persoas acudiu ao acto celebrado no Mugart, e entre os asistentes, ademais de membros da Ragba, estivo Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; Xabier Buján, director da Fundación Laxeiro; presidentes de asociacións culturais como María Xesús Blanco, de Barbantia, ou, entre outros, artistas como Veiras Manteiga, Antonio Pérez, Jontxu Argibay e Mónica Rivas.