A ANPA do Grupo impulsa unha xornada de actividades polo Día das Letras Galegas
RIBEIRA
O venres 15 haberá inchables de gran tamaño, música e animación a cargo de monitores de tempo libre no centro educativo
06 may 2026 . Actualizado a las 18:09 h.A ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira celebrará o venres 15 de maio unha festa das Letras Galegas. O evento desenvolverase no patio exterior do centro educativo entre as 17.00 e as 20.30 horas e está dirixido á cativada de entre 3 e 13 anos acompañada polas súas familias.
Esta é a primeira ocasión na que a asociación organiza unha actividade de tarde, fóra do horario lectivo, para conmemorar esta festividade, que este ano rende homenaxe á escritora Begoña Caamaño. Aínda que a entidade colabora habitualmente nos actos escolares das mañás, a actual directiva apostou por ampliar a súa oferta de servizos e eventos para as familias.
A xornada inclúe a instalación de inchables de gran tamaño, música e animación a cargo de monitores de tempo libre. Os asistentes poderán participar en obradoiros de globoflexia e de creación de chapas conmemorativas, ademais de gozar de xogos populares como os birlos, zancos, chave de pes e pa, bólas e a ra.
As 19.30 horas terá lugar a actuación principal co espectáculo Ramona Órbita de Pakolas. A organización ofrecerá, así mesmo, unha merenda para todos os participantes que consistirá en «rosca, zume e augas».
Esta actividade é gratuíta para as 133 familias socias da ANPA, que representan o 70 % do alumnado do centro ribeirense. Aquelas persoas que non pertenzan á asociación deberán aboar unha entrada de 5 euros no acceso ao recinto.
Dende a directiva da entidade animan ao resto das familias a asociarse, xa que durante a propia festa terán a oportunidade de facelo por unha cota de 20 euros por curso, o que permite o acceso gratuíto a todas as iniciativas da entidade, incluída a vindeira festa de fin de curso programada para o 19 de xuño.
O evento conta co apoio da Deputación da Coruña a través da súa liña de subvencións anuais e a colaboración do colexio, que cede as súas instalacións.