O calendario da Dorna: oito días de festa e exaltación da música urbana coa batalla de promesas
RIBEIRA
Neverloura, Dakidarría, Lamatumbá, De Ninghures, Cocco Lexa e DJ Matrek, no cartel do festival Rockandorna
03 may 2026 . Actualizado a las 14:59 h.A falta de pouco máis de dous meses para que o himno dorneiro soe con forza en Ribeira, o programa de actividades que animarán ao longo dunha intensa semana a cidade xa está definido. A Real e Ilustre Cofradía da Dorna deullo a coñecer na noite do sábado ás peñas. Serán oito días de festa, desde o 17 ata o 24 de xullo, que incluirán unha xornada dedicada a exaltar a música urbana, na que se incluirá unha batalla de promesas.
Como ven sendo habitual, a singradura número 78 comezará co desembarco de varios DJ actuando de xeito simultáneo en puntos estratéxicos da cidade. Esa primeira xornada tamén incluirá o percorrido do facho dorneiro, o Enjalanamento de Fanequeiras e o arranque da ruta de tapas, que se prolongará ao día seguinte. Para o sábado hai programados tamén o Orjullo Jaiteiro, unha xuntanza de embarcacións tradicionais, os Xojos de Terra en Coroso, e xa pola noite, a Cansión de Tasca.
Mantense no domingo o Jran Prix de Carrilanas e tamén o Videomaping, proxeccións que se repetirán na xornada seguinte, na que chegará outra das probas reina: o Voo sen Motor. Previamente haberá unha feira de artesanía e os populares Xojos de Mar.
Os dorneiros están citados o martes 21 en Area Secada para disputar o Trinautlón e gozar cun concerto sobre unha batea. Pola noite disputarase a final da Cansión de Tasca.
O mércores será o día dedicado á música urbana. Ás dúas citas xa tradicionais, o Ji-Jó e a Batalla de Jallos, engadiráselle nesta ocasión unha batalla de promesas, un concurso ao que concorren artista emerxentes que se ven celebrando a través de diversas plataformas de internet.
Últimos días
Xa na recta final, o día 23 sucederanse dúas orixinais probas: o Maratasón, tanto o infantil como o de adultos, e o Exame de Patróns. A xornada completarase cunha feira de artesanía. E o 24, que nesta ocasión non será festivo en Ribeira, chegará a enchente final con Rejata de Embarcasións e romería na praia de Coroso, Top Secret e entrega dos galardóns, entre elles, a Copa da Rei.
De forma paralela a estas actividades desenvolverase o festival Rockandorna. Integran nesta ocasión o cartel Lamatumbá, Muyayo Rif, Dakidarría, Reality, Cocco Lexa, Neverloura, Habelas Hainas, Extremodorna, De Ninghures e os DJ Matrek, Tito Maverick, Iván RBeira, CT e Landeira.
O presidente da Real e Ilustre, Álex Nespereira, destacou na xuntanza o complicado que é elevar o nivel dos grupos musicais cun orzamento que, segundo dixo, está conxelado. Neste sentido, quixo aclarar o contido do convenio asinado co Concello de Ribeira. Explicou que a axuda concedida pasou dos 40.000 euros que se viñan achegando desde o 2020 aos 80.000, pero apuntou que nas edicións anteriores, a Administración local facíase cargo do aluguer dos baños e das acometidas, servizos que agora terá que sufragar a asociación. Cifrou o seu custe actual nuns 40.000 euros.
Nespereira tamén animou aos peñeiros a concorrer ao certame do Xite dorneiro, destinado a bandas ou solistas: «Aínda queda tempo para compoñer».