Tributo en Aguiño para Lorenzo Mariño e para as plumas que protexen a lingua
RIBEIRA
Pastor Rodríguez ofreceu unha viaxe pola obra de oitenta escritores de Ribeira
27 ene 2026 . Actualizado a las 12:33 h.Como cada ano por estas datas, o traballo a prol da Igrexa, da vida en comunidade e da defensa do galego que no seu día levou a cabo Francisco Lorenzo Mariño é lembrado estes días en Aguiño, localidade na que foi o primeiro párroco. Precisamente a súa faceta como protector da lingua cobrou relevancia na conferencia que na tarde do venres abriu os actos da Semana Cultural impulsada pola asociación que leva o seu nome. O relatorio correu a cargo de Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado de Artes e coordinador da asociación cultural Barbantia, que brindou un percorrido por oitenta nomes propios que, coma o ilustre cura, contribuíron e contribúen desde Ribeira a manter vivo o idioma.
Comezou a súa viaxe con Manuel de Marcos Santos, que no 1882 publicou o volume de versos Risas y lágrimas, no que incluía poemas en galego; para continuar «co autor máis importante de Aguiño hoxe en día», Andrés Torres Queiruga. Referiuse ao teólogo e filósofo como «un traballador incansable que leva 55 anos publicando en galego».
Outro teólogo, Pedro Fernández Castelao, foi o seguinte autor nomeado por Pastor Rodríguez, que citou despois relevantes plumas coma o catedrático Xosé Ramón Barreiro, o historiador Daniel Bravo Cores ou Carlos Callón, doutor pola Universidade da Coruña, expresidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un escritor que se caracteriza «pola defensa do galego e das minorías».
Fidel Vidal, Francisco Antonio Vidal, Quico Cadaval, López Marqués, Antonio Piñeiro, Carlos Lixó, Plácido Betanzos... e así ata preto de 80 nomes de escritores en lingua galega: «Barbanza é unha bisbarra chea de creadores dos que debemos sentir orgullo, debemos lelos e dalos a coñecer», concluíu.
A presentación do acto celebrado na Casa do Mar correu a cargo de Elvira Pisos, presidenta da asociación Francisco Lorenzo, e contou coa presenza do tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño, e da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Cambio de localización
Cumprindo coa tradición, estaba previsto que unha delegación de veciños se desprazaran na tarde do sábado ao cemiterio de Porto do Son, onde descansan os restos do sacerdote, para realizar unha ofrenda floral. Debido á alerta meteorolóxica, a homenaxe tivo lugar finalmente no adro da igrexa de Aguiño, onde un busto contribúe a perpetuar a memoria do cura. Alí, Elvira Pisos foi a encargada de ler un manifesto que, de novo, puxo de relevo a dedicación de Francisco Lorenzo e a importancia que aínda hoxe en día segue a ter o seu legado na parroquia: «Contigo comezouse a edificar Aguiño, comezando polo primeiro templo, pero tamén o tecido social, o grupo escolar, a lonxa vella, a casa da cultura, o mercado municipal… Todo leva a túa man».
Como o propio Francisco Lorenzo faría, a presidenta da asociación creada para darlle continuidade ao seu labor aproveitou para denunciar algunhas das grandes inxustizas que se están a cometer a nivel mundial, con referencias a Estados Unidos, Ucraína e Palestina. E mesmo tivo palabras de agarimo para as familias dos falecidos no accidente de trens ocorrido hai uns días en Andalucía.
Posteriormente oficiouse, xa no interior do templo, una misa conmemorativa dos 22 anos que transcorreron desde o falecemento do párroco. A Semana Cultura chega ao seu fin hoxe en Aguiño cunha última cita: a actuación de Peter Punk ás 17.30 co espectáculo Con lingua propia.