Salmoira Fest. Ribeira

EME CARTEA

RIBEIRA

Mural de Manuel Ayaso realizado por Fernándo Yáñez en el marco del festival Salmoira de Ribeira
Mural de Manuel Ayaso realizado por Fernándo Yáñez en el marco del festival Salmoira de Ribeira CARMELA QUEIJEIRO

A arte urbana, nacida das rúas e barrios máis populares, destaca como unha das manifestacións máis dinámicas

17 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A arte en espazos públicos forma tamén parte esencial e meritoria dalgunhas cidades galegas. A través de esculturas, murais, intervencións efémeras ou instalacións interactivas, a arte convértese nun elemento accesible a toda a cidadanía, máis alá da súa idade, formación e nivel económico. Estes espazos, que normalmente percorremos con présa absortos na indiferenza, transfórmanse en lugares de encontro, reflexión e participación social grazas á presenza da creación artística.

O graffiti naceu sen pedir permiso. Murmurio nocturno, unha palabra insomne, un trazo riscado ás présas, unha cor rebelde. E neste frenesí, converteu as fachadas en lenzos e historias que ninguén contaba, soñadas, reais. Poema vertical, berro e memoria. Reverencia e lembranza. Homenaxe pintada que conversa e nos interpela.

«A túa fachada é a túa carta de presentación», porque un mural dá carácter, orixinalidade e valor engadido, enriquece e comunica presenza estética e, en moitos casos, compromiso social («Gritan as paredes o que os medios calan»). A parede convertida en lenzo, máis que pintar, constrúe identidade visual. «A vida sen graffiti apesta», posible lema de todo grafiteiro que se prece.

Arte de museo

Dos debuxos da Idade da Pedra ao graffiti do Imperio romano. Dos 50’s do século pasado (aerosol, esterxido, pinturas líquidas etc.), aos 90’s, en que acada, pese ao seu carácter efémero, a categoría de arte de museo, con figuras internacionais como Fairey, Basquiat, Brainwash ou Banksy.

Así, a arte urbana, nacida das rúas e barrios máis populares, destaca como unha das manifestacións máis dinámicas pola súa capacidade de diálogo directo coas paisaxes urbanas e coa realidade social. Vive á intemperie en constante transformación, influenciada polo paso do tempo, o clima e a interacción humana.

Máis alá da latrinalia ou do graffiti público, esta arte contribúe a dar cor e vitalidade ás cidades, democratiza a cultura, fomenta a reflexión cidadá e modifica a percepción do espazo. O graffiti en fachadas, unha das expresións artísticas máis visibles e influentes do panorama urbano contemporáneo. Unha poderosa ferramenta capaz de converter a cidade nun museo ao aire libre. A arte, cando se integra no día a día, contribúe a construír e revitalizar contornas máis humanas, así como reforzar identidades colectivas.

Humanizar

Nesta liña, en Ribeira temos o proxecto Salmoira fest, nada no 24 con vocación anual, busca pór en valor a florecente cultura do mural galego ao abeiro do patrimonio histórico-industrial da pesca, da salga e da conserva. Tamén embelecer, humanizar certos espazos degradados e, ao tempo, homenaxear personaxes sobranceiros da cultura galega (M. Ayaso, Castelao...) ou do folclore (cantareira, pescantina...), coa colaboración do Concello, asociacións, centros de ensino e muralistas. Responsabilidade, arte, música, tradición e pregnancia irmandadas. Parabéns!