Tiña como fins espallar a cultura e mellorar a vida de veciños e mariñeiros
19 oct 2024 . Actualizado a las 10:26 h.Hoxe cúmprense cen anos da constitución en 1924 do Pósito de Carreira, xermolo da Confraría de Carreira e Aguiño, constituída o 12 de novembro de 1944, baixo a advocación de San Paio.
Tal como recollen nas súas magníficas obras Francisco Javier Crujeiras Sampedro, na Historia de Carreira, e Unai González Suárez, en Aguiño 50 anos de parroquia», a sociedade tiña como fins creativos os de espallar a cultura popular da terra e a necesidade de defendela, xa que a carencia de escolas facía que o grao de analfabetismo fora moi elevado. O Pósito propoñíase elevar o nivel de vida dos veciños e principalmente da xente do mar así como facer funcións de mutualismo, cooperación e difusión da cultura e mellorar os resultados económicos suprimindo intermediarios entre os mariñeiros e a industria.
Naquela primeira xuntanza constitucional á que asistiron 22 veciños, decidiuse elixir como presidente a Andrés de Dios Álvarez; o vicepresidente, Andrés Pérez Campos; e secretario, Manuel Paz Lampón, e a súa primeira sede situouse no lugar de Campos de Arriba concretamente no número 17. A medida que avanzaron os anos en 1940 e xa coa construción da Casa do Pescador, a sede trasládase a Aguiño no porto pesqueiro.
Desde os seus inicios o Pósito quixo facer dous centros culturais, un en Carreira e outro en Aguiño, que serían inaugurados en 1928 e posteriormente asumidos polo Estado para pasar ao sistema de ensino público. Dous mestres impartían as clases escolares e formación de artes de pesca, economía social, recursos mariños, etcétera. Tamén había clases nocturnas ás que asistían fillos dos non socios que non pagaban polas clases. A raíz da creación da sociedade, púxose en marcha unha cooperativa de consumo que facilitaba materiais e produtos xerais ós mariñeiros.
Ós tres anos da súa fundación o Pósito de Carreira conseguiu contar cun médico para cubrir as necesidades sanitarias da poboación e en 1927 creouse o chamado Pósito Infantil, comezando a construción do peirao de Aguiño para o que a entidade aportaría un 21 % dos orzamentos.
A intensa actividade da Sociedade continuaría coa creación da Escola Elemental de Pesca que impartiría as clases para obter a titulación de patrón. Xa en 1941, o 26 de xaneiro, empeza a construción da lonxa que daría paso nos anos 90 á Casa do Pescador que contaría con escola e habitáculo para os mestres. En 1968 construíuse o actual edificio modernista da Confraría no que estivo tamén o Centro de Saúde e que conta cunha pequena aula de cultura.
O 11 de marzo de 1943 cumprindo a orde do Ministerio de Trabajo e coa asistencia do delegado sindical e do axudante miltar de Ribeira o Pósito de Pescadores de Carreira transfórmase na Cofradía de Pescadores San Paio de Carreira, será o 12 de novembro de 1944.
A creación da parroquia de Aguiño en 1959 e o crecemento do pobo fixo que o 7 xaneiro de 1961, en asemblea de socios, a entidade decidise cambialo nome e pasar a chamarse Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, tal como recolle a acta número 219 no punto quinto, nunha directiva presidida polo patrón maior, Manuel Sampedro Dios.
Unha puxante entidade dirixida actualmente por José Antonio Sampedro, que leva dez anos á fronte da sociedade e que busca a medio e curto prazo arranxalas ramplas, que se materialice a dársena xa proxectada, o arranxo do galpón de redeiras, que se lles dote dunha lancha de vixilancia adaptada á costa, o arranxo das oficinas e crear un pequeno museo no que amosar as artes de pesca