Enrique Paisal

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42° 34’, 8 N

RIBEIRA

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Neto, fillo, irmán e pai de músicos. Ricucho, para os amigos, é un dos grandes deste pobo. Mellor dito: é un dos grandes personaxes do noso tempo que, pola súa música e bonhomía, foi quen de encher de sentimento o territorio galego e calquera lugar de España e do mundo onde houbese un galego.

Non me imaxino a Los Tamara sen Ricucho Paisal, do mesmo xeito que ninguén é capaz de imaxinar a mellor banda de pop que pariu España, sen Prudencio Romo, Pucho Boedo ou Antonio Vázquez (Tocho).

Non coñezo a ninguén adulto que non saiba ao menos dúas ou tres cancións de Los Tamara, e non me imaxino a ninguén que non se emocione escoitando a súa música. E estou seguro que non existe persoa algunha a quen non se lle arrepíe a pel, escoitando Galicia terra nosa, Mi tierra gallega, ou as versións de poemas de Rosalía e Curros, tales como as inmellorables interpretacións de Negra sombra e O vello e o sapo. As voces corais, o fantasioso e virtuoso teclado de Ricucho, o clarinete de Tocho, a guitarra de Prudencio e a voz de Pucho foron quen de emocionar a todo un país. E cando de ledicia se trataba, aparecía un inesquecible A Santiago voy, do que non atino a saber porqué Los Tamara, aínda non teñen unha rúa dedicada na capital de Galicia.

Pero quero falar de Ricucho. Do amigo entrañable que me permitía sentirme importante coa súa amizade en Barcelona, en Madrid, Coruña, Ponferrada, Santiago ou onde queira que estivera actuando. Hoxe, retirados os dous da vida profesional, pero sen esquecer aqueles viaxes nos seus descapotables (cando nós tan só tiñamos bicicleta), as longas noites de boa compañía, a inmellorable relación persoal entre as nosas familias e amigos, quero felicitar a Ricucho por levar o nome de Palmeira a través do mundo. E, se non é moito pedir, gustaríame poder desfrutar da súa sempre grata compañía, mentres, escoitando todo o ben merecido que de el e de Los Tamara se vai escoitar no porto de Palmeira, a súa dona Maribel, sabedora de que somos xente seria, nos deixe tomar un viñiño de máis.

Grazas amigo meu por saber ser e saber estar.