Francisco Martínez: «O polígono chega tarde, á conta de que Ribeira perdera tecido industrial»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

O presidente dos empresarios aposta por dinamizar as rúas para manter vivo ao comercio tradicional

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2019, cando se situou á fronte da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude fixouse unha serie de obxectivos. Catro anos despois e cunha pandemia de por medio, di con orgullo que todos eles están conseguidos ou, polo menos, en vías de materializarse. Recoñece que dotar ao municipio de chan industrial foi desde o primeiro momento o gran cabalo de batalla do seu equipo.

—Marcará o novo polígono industrial un antes e un despois en Ribeira?

—Nós esperamos que si. Desde que asumimos a directiva da patronal, o noso obxectivo foi atender a demanda de chan que tiñan os nosos empresarios, tanto os grandes como os pequenos. Agora queremos que todas esas solicitudes teñan cabida no novo recinto de Pedras Vermellas.

—Tendo en conta que se trata dunha vella reivindicación, chega demasiado tarde ese polígono?

—O polígono chega tarde, á conta de que Ribeira perdera tecido industrial. Nunca entenderemos que as Administracións non se implicaran neste proxecto sabendo a demanda que había por parte do sector empresarial. Ribeira foi perdendo empresas e poder económico mentres outros concellos da contorna se beneficiaban diso. Sen embargo, agora o importante é que unha suma de esforzos permitiu sacar adiante o recinto.

—Será suficiente ese novo recinto para atender a demanda?

—Pensamos que si, pero xa estamos traballando nunha posible ampliación en caso de que sexa necesaria. A patronal ten solicitudes para uns 80.000 metros cadrados de terreo, que agora haberá que confirmar, e o Concello manexa a mesma cifra, polo que esta previsión se axustaría a eses 150.000 metros cadrados que se van habilitar na primeira fase. Pero se fora preciso, iriamos a unha segunda, porque o importante é darlle cabida a todas as empresas interesadas en instalarse en Ribeira.

—O comercio é outro sector fundamental. Deixou atrás a crise derivada da pandemia?

—Non, pois a xente aínda escapa das aglomeracións e aqueles días de tendas ou locais hostaleiros abarrotados non volveron.

—Cales son as grandes ameazas que planean sobre o comercio tradicional?

—Unha das máis importantes é internet, pois o seu uso disparouse no confinamento, pero temos que aprender a convivir con esta nova forma de vender. O principal problema de Ribeira é que a xente non se anima a saír á rúa e iso é o que hai que cambiar. Se os clientes entran nas tendas, acaban comprando, pero o difícil é atraelos. Hai que conseguir que os veciños e os habitantes da contorna veñan ao centro de Ribeira a pasear e, para iso, as rúas teñen que resultar atractivas. A situación económica actual, cunha suba de prezos xeneralizada, tamén repercute negativamente nas vendas do comercio.

—Como se están a combater esas ameazas desde a patronal?

—Apostamos por desenvolver campañas comerciais agresivas coincidindo con datas sinaladas, como o Día do Pai, o Día da Nai ou o Black Friday; nas que se incrementou o importe dos premios. Tamén apostamos por implicar á hostalaría e á restauración, e por propostas novas que contribúan a dinamizar o centro, como o tobogán de auga que montamos o verán pasado.

—Seguirán na mesma liña?

—Si, darémoslle un pulo ás iniciativas que xa están arraigadas, como é o caso de Viamare, unha feira moi importante para o comercio, ou a campaña de Nadal, que na última edición repartiu cinco mil euros en premios e xerou un volume de facturación importantísimo. Tamén haberá quinta edición da feira do coche eléctrico e híbrido, unha cita que naceu para axudar a un grupo de asociados, pero xa é un referente na comarca.

—E haberá novo Gastromar...

—Por suposto. Gastromar foi unha das nosas grandes apostas e queremos consolidala e aumentala para poñer a Ribeira no mapa gastronómico galego.

«Hai que ofrecer aparcamento no centro para atraer á xente»

A pandemia provocou que se suspendera o proceso electoral no seo da Asociación de Empresarios de Ribeira, quedando posposto para o 2024. Francisco Martínez asume o último ano deste primeiro mandato co reto de manter as vellas iniciativas, consolidar as novas e, se é posible, poñer en marcha algunha que outra máis. Pero tamén quere seguir loitando para resolver os que considera que son os grandes problemas do municipio. E entre eles sitúa a falla de aparcamentos.

—Séntense os comerciantes prexudicados?

—Pois claro, por moitas prazas que se habiliten nas aforas, hai que ofrecer aparcamento no centro para atraer á xente. Para iso é imprescindible desbloquear o recinto do Centenario, conseguir que sexa municipal e que teña un horario amplo e uns prezos competitivos. A patronal xa está dando facilidades para aparcar mediante bonos.

—Outro problema que preocupa a comerciantes e hostaleiros é o dos roubos...

—Cando se trasladou a comisaría da Policía Nacional xa nos diriximos á Subdelegación do Goberno para esixir que se cumprira o catálogo de persoal, pero non se fixo. Tanto a este corpo de seguridade como ao Concello lle vimos reiterando desde hai tempo que é fundamental que haxa máis presenza de axentes na rúa. Os roubos preocupan moito e pensamos que non se adoptan as medidas necesarias para tratar de evitalos.

—A elección de festivos locais sempre xera controversia en Ribeira e hai uns días a patronal amosouse favorable a recuperar o martes de entroido. Cal vai ser a postura no futuro?

—Xa cando se tratou o tema no pleno, a asociación dirixiuse a todos os grupos da corporación para trasladarlle a nosa postura. Visto o que ocorreu no entroido, decidimos reiterala. Nós sempre imos defender que o martes de entroido sexa festivo local, porque eran unhas datas nas que a cidade se enchía de xente e pensamos que iso non se pode perder. Outras localidades da comarca eran un fervedoiro o luns pola noite e Ribeira daba mágoa.