Un pouco de pasta non abasta

Pedro Puy PORTAVOZ DEL PPDEG EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

RIBEIRA

Wind Float

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos 90, a publicidade, ao igual que a política, era máis simple e directa. «Un poco de pasta basta», cantaruxado por un simpático debuxo animado, abondaba para recibir a mensaxe de que mercar un limpador concreto supoñía un aforro. Unha apelación dirixida aos consumidores; é dicir, ao «homo economicus» (ou a «mulier economica»), que mercando os bens que lle dan maior utilidade a menor prezo optimizan o seu benestar, sen consideracións altruístas de caste algunha.

O Goberno de España ven de aprobar os primeiros plans de ordenación do espazo marítimo, que contemplan 19 polígonos repartidos por toda a costa española. Oito deles na galega, totalizando máis da metade dos quilómetros cadrados da costa española reservados para a eólica mariña. Como era previsible, e dada a ausencia de diálogo previo coa Comunidade Autónoma, a aprobación dos plans (e o reparto dos polígonos) xerou unha fonda preocupación, non só polo seu impacto nos ecosistemas mariños, senón tamén polas consecuencias socioeconómicas nun sector, o pesqueiro, que ultimamente non deixa de recibir malas novas. En resposta á preocupación, manifestada especialmente polas confrarías galegas de pescadores, a vicepresidenta Ribeira declarou que, ante o «cambio de usos que impide que pueda desarrollarse alguna actividad» requírese «alguna compensación».

Xa hai séculos que Adam Smith, na súa Teoría dos Sentimentos Morais (1759), afirmaba que «por máis egoísta que poda supoñerse o home, é evidente que hai algúns principios na súa natureza que lle fan interesarse pola sorte dos demais de modo que a felicidade destes lle é necesaria, aínda que de elo nada obteña agás o pracer de presenciala». Desde entón, mesmo tendo en conta os movementos pendulares que levan á ciencia económica a enfatizar nunhas épocas a importancia de primar os «intereses privados» (deixando funcionar libremente aos mercados) ou o «interese público» (para defender o intervencionismo estatal), temos avanzado algo no coñecemento da resolución deste tipo de conflitos de interese. A experiencia (propia e allea) na problemática Nimby (Not in my backyard, algo así como «Non ao meu carón»), casos nos que hai un consenso sobre a necesidade de desenvolver infraestructuras (un vertedoiro axeitado) pero que ninguén acepta no seu barrio, aconsellan moito diálogo cos afectados e moita transparencia sobre os motivos que xustifican a elección da ubicación. Xusto o que estaba a facer a Xunta, da man das consellerías de Industria e Mar, a través do Observatorio da Eólica Mariña constituído xa en xuño do 2021; no que, a través do diálogo e o traballo científico, se procura conciliar os intereses en conflito, compatibilizando o aproveitamento do potencial enerxético e limpo da eólica no mar coa sostenibilidade medioambiental e a actividade pesqueira. Converter a conciliación de lexítimos intereses privados no interese público e xeral.

A irrupción da vicepresidenta coas súas compensacións altera fondamente o proceso decisorio. Por que hai que pagar compensacións se a eólica mariña é beneficiosa para todos? Rivera apela ao interese do homo economicus, e non ao de quen se interesa «pola sorte dos demais» e a «felicidade» dun conxunto que entende necesario avanzar na produción de enerxías limpas. Politicamente, un erro grave. Que ademais deixa en evidencia a un Goberno pouco dialogante que, á diferenza do da Xunta, non entende que no ámbito público «un pouco de pasta non abasta».