Luís Pérez Barral liderará a candidatura do BNG para «construír unha Ribeira en grande»
RIBEIRA
A formación nacionalista espera presentar este mes «un equipo plural e preparado para gobernar»
15 mar 2023 . Actualizado a las 19:05 h.A asemblea local do BNG ratificou por unanimidade a Luís Pérez Barral como candidato á alcaldía de Ribeira. O responsable local, Xabier Vidal, destacou que, con esta decisión, os nacionalistas contan cunha «persoa magnífica» e con capacidade para poñer en valor todo o potencial de Ribeira. «Luís demostrará que vai ser un gran alcalde se os veciños e veciñas lle dan a oportunidade. Estamos recibindo moi boas valoracións», sinalou.
O candidato agradeceu a confianza da súa organización, afirmando que Ribeira ten xente extraordinaria e conta con elementos para destacar. O BNG «vai a por todas», indican na formación e, por iso, presentará este mes un «equipo plural e preparado para gobernar». «Sabemos que moita xente está vendo en nós a alternativa que Ribeira precisa e imos ofrecerlle un proxecto gañador, capaz de desenvolver as potencialidades da localidade».
Os nacionalistas aseguran que no seguinte mandato non haberá maiorías absolutas, e «iso é bo, porque obriga a dialogar» e consensuar os asuntos importantes. «Imos traballar para liderar a alternativa de goberno, porque é hora de cambiar as políticas de cemento, de sobrecustos millonarios nas obras públicas, a falta de mantemento ou a discriminación das parroquias», expuxo Pérez Barral.
Neste sentido, o candidato nacionalista puxo en valor o traballo feito polo BNG, afirmando que «se desde a oposición conseguimos impulsar a creación dunha residencia pública nas Saíñas, a creación dun bono para apoiar o comercio e ás familias ou estivemos a carón da veciñanza para defender a sanidade, a educación ou o transporte público, imaxinemos todo o que imos poder facer desde o goberno».
Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990), é graduado en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, título que sacou compatibilizando os estudos cun traballo na hostalaría. Actualmente, traballa como técnico na Administración local. No plano político, forma parte do BNG desde hai máis dunha década e ten experiencia institucional como concelleiro desde o 2012. Neste tempo, asumiu diversas funcións, como ser o responsable do BNG no Barbanza ou ser membro do Consello Nacional.
O candidato o ten claro: «Darei o mellor de min mesmo para construír unha Ribeira en grande».