In Memórian | Pedro Tasende
02 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Había algún tempo que non vía pasear a Pedro, acompañado da súa moi guapa e alta coidadora da cor do ébano, a cal, coa súa fortaleza ancestral e africana, o levaba polo xardín municipal adiante en volandas e o sentaba agarimosamente de cando en vez como se fose un boneco, para o que quedaba do bo Pedro descansase. Momento no que Pedro saudaba a todo quisqui, intentando, nun acto autómata, inútil e postremo, volver conectar co mundo.
Hai moitos anos, cando Pedro, nos seus días de viño e rosas, estaba libre de todo mal e exercía marabillosamente ben a súa amada profesión de médico pediatra, levamos, a miña muller e mais eu, o noso fillo Fer de apenas dous mesiños de vida a Pedro. Daquela viviamos en Ribeira e dous médicos de alí aconsellárannos, perante os serios problemas respiratorios que o noso pequeno froito presentaba, que o hospitalizásemos.
Preocupados, chamamos por teléfono a Pedro, quen, despois dunha viaxe tensa e intranquila cun servidor ao volante suando a gota gorda, nos recibiu na súa consulta de Carballo con brazos abertos. Auscultou minuciosamente o noso neno e ditaminou, temeroso de que o tenro infante collese algún virus hospitalario, que non o internásemos e que el se faría cargo da súa curación e coidado, como así, bo e xeneroso fixo, acudindo diariamente, cando os médicos ían ás casas e non estaban tan cabreados e estresados, á morada da miña sogra.
O outro día, cando lle dixen que Pedro morrera, ao meu fillo Fer humedecéronselle os ollos dende a súa fortaleza de home novo, pero eu pensei que os nenos que viven no ceo están de noraboa, porque vailles cara a alí, renovado e renacido despois da súa morte, o mellor pediatra e amigo que puidesen imaxinar.
Na foto aparecida neste xornal aparecía o pediatra Pedro Tasende na súa consulta, rodeado dos elixires da curación e da vida que el tan sabiamente manexaba e administraba.