O BNG de Ribeira rexeita aprobar os presupostos elaborados polo goberno local

La Voz

RIBEIRA

Os nacionalistas están dispostos a «desbloquear temas concretos» que sexan beneficiosos para o municipio

25 nov 2022 . Actualizado a las 15:20 h.

A asemblea do BNG de Ribeira emitiu un comunicado no que rexeita aprobar os presupostos do 2022 tralo ofrecemento do rexedor, Manuel Ruiz, a pactar as mesmas contas pero «con ínfimas modificacións».

Segundo a formación nacionalista, Ruiz ofreceuse a negociar unicamente «unha pequena parte», que «non chega nin a 1,5 millóns de euros» duns presupostos que din ascender a 32,9 millóns. «Ofreceunos negociar as migallas e iso o BNG non o vai aceptar, porque ademais queren seguir aplicando as mesmas políticas fracasadas que non resolven as demandas sociais», argumentou o responsable local, Xabier Vidal.

Desde o BNG explican que non facilitarán a aprobación das que denominan «contas da mentira e do incumprimento», porque manteñen paralizadas obras que levan anos prometéndose, como os centros sociais de Carreira e Corrubedo, e «seguen dilapidando cartos en obras que disparan o seu prezo, como o auditorio». Os nacionalistas tamén lamentan que falta mantemento e prevén aumentar os impostos á veciñanza recadando 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros, cando ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan.

Man tendida

Luís Pérez Barral, portavoz do BNG, explicou que a asemblea local chegou ao acordo de tender a man para desbloquear certos temas «fundamentais para Ribeira», entre os que se atopa a redución do tarifario do saneamento, garantir axudas económicas a entidades deportivas e culturais, ampliar o servizo de axuda no fogar, mellorar as condicións laborais dos empregados públicos, rematar os centros sociais de Carreira e Corrubedo ou materializar proxectos que «levan paralizados anos» como a sede do club de remo, a nova biblioteca, o estudo do trazado alternativo da circunvalación e o rescate do aparcadoiro do Centenario, entre outras cuestións.

Sobre as críticas do alcalde, Pérez Barral lamentou que Ruiz trate de botarlle as culpas á oposición porque «a situación na que se deixa a Ribeira xorde pola irresponsabilidade do goberno local de tirar para diante sen escoitar a ninguén». O líder dos nacionalistas asegura que o BNG vai seguir traballando en positivo polo ben da veciñanza. «Hoxe seguimos dicíndolle non a eses orzamentos do Partido Popular porque chegan tarde e non dan resposta ás demandas sociais, pero dicímoslle si a Ribeira e prometémoslle á veciñanza estar á altura para desbloquear todos aqueles proxectos beneficiosos que permitan avanzar e construír unha Ribeira en grande», concluíu Barral.