Gheada e seseo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

24 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha semana estreouse a webserie documental Falemos do reino de Galicia, como parte do programa promovido por Cultura da Deputación da Coruña para facer visible a realidade da Galicia medieval como un reino distinguido e distinguible en toda Europa. A serie, producida por Suseia, estaba conducida polo historiador de Ribeira Carlos Lixó, quen ten analizado o fenómeno de xurdimento dos castelos feudais na Galicia medieval.

Na súa locución dábase algo que era á vez natural e lóxico, por unha banda, e revolucionario pola outra. Porque Lixó empregou, no rexistro culto dun documental de divulgación científica, as variantes dialectais de Ribeira e do Barbanza.

Especificamente: a gheada e o seseo. Non é a primeira vez que tal cousa sucede no audiovisual, nin moito menos. Lembremos o caso da sempre lembrada serie Mareas vivas. Pero o subversivo da voz de Lixó é que usou a nosa fala nun contexto culto, non para facer chistes ou ficción.

Cada pouco, as redes arden con polémicas sobre a gheada e o seseo. Tras ver os episodios do documental, é imposible non decatarse de que tal discusión é absurda. Carlos Lixó demostra que é perfectamente posible empregar os nosos rasgos dialectais, un importante patrimonio, para contar cousas serias a toda Galicia.

Ao cabo de cinco minutos, xa non reparas nas gheadas: o importante é contido. Lixó púxonos a todos os barbanzáns que falamos en público con frecuencia nunha importante tesitura e enfrontounos aos nosos propios pasados e prexuízos. Fantástico.