O mural

UXÍA CASAL

RIBEIRA

CEDIDA

29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ten nada de estraño que os que amamos a Melas quixésemos un recordatorio que nos quentase o espírito cada vez que o vísemos; case doce anos de aledarnos a vida ben o merecen. Tampouco non resulta raro que procurásemos un artista da nosa confianza, a quen coñecemos des que nos instalamos en Ribeira cando só contaba oito anos e facía os deberes no bodegón dos pais; tamén o lembro na bici percorrendo o parque dun lado para outro, alleo á miña observación e ao grato que me resultaba o seu gozo infantil. Son moitas as imaxes que conservo del ao longo do seu crecemento e aledoume moito que se decidise a estudar Belas Artes, pois a súa afección semellaba firme xa desde a adolescencia. Na actualidade, graduado na carreira escollida, estuda un máster relacionado cunha das múltiples facetas das artes plásticas e aproveitou uns días libres para executar a encarga que, para o noso pracer, lle encantou realizar. Así, vimos xurdir das súas mans de artista este mural que representa a Melas, unha ribeirense cen por cen que nos deixou demasiado cedo e da que seguimos falando acotío porque é inevitable: tantos anos de convivencia non se esquecen así como así, e menos cando non se queren esquecer. Raúl Ordóñez Torrado é o autor. Aos seus pés.