Debate ao redor da literatura na estrea en Ribeira do espazo cultural do Liceo

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

A presentación da obra «Os acios tardegos» de Antonio Piñeiro dou pé a unha animada reflexión sobre un tempo con predominio do dixital e dos contidos audiovisuais

22 oct 2022 . Actualizado a las 16:15 h.

Aspectos históricos, filosóficos e folclóricos, presentes no Camiño de Santiago, son tamén abordados na obra Os acios tardegos de Antonio Piñeiro, un traballo que acadou un accésit na Semana do Libro de Compostela e que foi presentado a noite do venres en Ribeira. Co respaldo de Barbantia e a colaboración do Concello, a cita serviu para estrear o espazo cultural do Liceo Marítimo. Unha iniciativa da entidade para darlle un novo pulo á que contribuíu Antonio Piñeiro aportando o rendemento de todos os libros que se venderon.

Chega Os acios tardegos nun momento de pleno apoxeo do Camiño de Santiago, cun récord de peregrinos e, sen embargo, esta coincidencia é pura casualidade porque o resultado deste traballo e froito dunha longa maduración iniciada no 2012.

Cunhas doses de intriga que invitan a avanzar na lectura, a historia desenvólvese a dúas bandas entre Roma e Santiago. O propósito é a resolución dunha incógnita vinculada ao tráfico de libros no século XVI. A esencia do relato está directamente ligada ao mundo dos códices que van indo a menos substituídos polo mundo da imprenta.

Os códices

Afirma Antonio Piñeiro que desapareceron moitos códices coa chegada da imprenta: «Perderon a súa función, entraron en declive». Precisamente, este aspecto abordado nas páxinas de Os aciagos tardegos foi o que dou pé a un dinámico debate no que se abordou a situación da literatura no contexto actual.

Subliñaba Antonio Piñeiro que os asistentes concordaron en que «carece dun público como o que tiña en etapas pasadas e tratamos de determinar que sucede».

Todos os asistentes aportaron os seus puntos de vista, poñendo de manifesto que os niveis de lectura descenderon. Indicaba o autor do libro que afondaron na función intelectual da literatura nun contexto como o actual, no que predominan os elementos dixitais e os contidos audiovisuais.

Ben é certo que a pregunta quedou sobre a mesa, o que podería dar pé a un novo debate. Iso si, marcou unha animada estrea para ese desexo dos responsables do Liceo Marítimo de Ribeira de achegar a cultura a socios e veciños.

Acompañando a Antonio Piñeiro na presentación estaban a docente e tradutora Isabel Santos, a escritora María Xesús Blanco, o analista literario Xesús Laíño e o rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, que estiveron arroupados por veciños e membros de Barbantia e do Liceo Marítimo de Ribeira.

E se a obra abre o camiño á reflexión sobre a literatura, tampouco é allea ás sombras que sempre rodearon aos mosteiros, ao tempo que tamén deixa aberta a porta a reflexionar sobre as raíces da ruta de peregrinación de Santiago. O fenómeno xacobeo que sempre esperta moita curiosidade e debate.

Deste xeito ameno tivo lugar un encontro no que Asociación Cultural Barbantia e Concello deron o seu respaldo a aposta do Liceo Marítimo pola cultura.

Unha pintura como obsequio

Foron moitos os asistentes que tamén apoiaron a proposta mercando un volume da obra. Para cada un deles, Antonio Piñeiro tiña unha sorpresa.

O autor elaborou unhas pinturas que representan un cruceiro galego iluminado, enlazando así coa vertente espiritual da obra, e que están acompañadas dunhas figuras iconográficas. Cada persoa que levou un libro fíxose tamén cunha destas pinturas de autor.