Os murais

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

Alvite

13 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Duns anos a esta parte Galicia está enchéndose de murais xigantes que embelecen as medianeiras máis anodinas dos edificios oitenteiros das novas vilas. Direilles que teño unha opinión encontrada con respecto a estas novas políticas de arte pública promovidas por vilas e concellos.

Por unha banda, é innegable que os anodinos e grises cascos urbanos e ensanches nacidos nos anos 70 e 80 cobran un novo sentido e paredes con fervenzas de humidade pasan a converterse en espazos cheos de imaxinación. Espazos enormes de representación, dunha escala ata o momento non coñecida en Galicia. As esculturas que ocupaban os nosos parques (ou as nosas rotondas) eran polo xeral menos intrusivas. Están elaboradas por xente de enorme talento e, moitas veces, se relacionan coa memoria local. Alí represéntanse personaxes mitolóxicas, memorias do pasado ou ás veces encúmbranse a persoas anónimas de acordo coas políticas actuais de enxalzamento de determinados xéneros ou roles.

Porén, preocúpame que nunca se fale da conservación destes murais, que en poucos anos se degradarán; de non coidarse, estas descomunais representacións crearán unha nova capa de fealdade e desleixo sobre as nosas vilas.

E tamén me preocupa outra cousa: toda arte pública sempre ten un sentido ideolóxico, transmite unha mensaxe desde o poder para difundir unha serie de valores. Pregúntome como reaccionaremos cando alguén queira empregar esas paredes para outras mensaxes. E terá os mesmos dereitos para facelo.