Un control arqueolóxico e unha denuncia do 2008 permitiron coñecer a existencia de lápidas funerarias de distinto signo na igrexa parroquial de Ribeira
01 oct 2022 . Actualizado a las 11:53 h.Nun traballo anterior, E. L. M. tentou plasmar a existencia de restos arqueolóxicos no centro urbano da cidade de Ribeira, moi preto da igrexa parroquial, na que hoxe é unha praza buliciosa polos locais de ocio que alí se encontran. Materiais arqueolóxicos transmitían a idea do aproveitamento do espazo polos nosos antepasados dende épocas prehistóricas ata momentos relativamente recentes como sinalaban moedas do monarca Felipe III ou louzas de época.
No 2008, mentres tiña lugar un control arqueolóxico na zona executado por L. G. L, estábanse a realizar diversas obras no lateral da igrexa, entre elas, o retranqueo do muro que actualmente aínda está visible e que con anterioridade se atopaba máis afastado da igrexa.
O traslado dos cascotes e supostos perpiaños que conformaban ese muro deixou ao descuberto a verdadeira identidade destes últimos, que se correspondían con diferentes lápidas que perderan a súa función nun momento indeterminado. Sería posiblemente acertado pensar que pertenceran ao antigo cemiterio, que se atopaba preto da antiga igrexa parroquial medieval, na actual praza de Compostela.
Dada a relativa distancia entre as dúas localizacións, explicar como e por que acabaron no novo templo tería fácil explicación: como aínda se adoita facer, a pedra de boa factura reaproveitaríase para aforrar cartos e esforzos, empregándose cun novo cometido moi diferente ao que orixinalmente terían. Nese sentido, habería que lembrarse tamén das figuras que representan os apóstolos San Pedro, coas chaves do ceo, e San Pablo, que se atopan na parede da ábsida da actual igrexa parroquial, as cales procederían da parroquial medieval, máis ese tema xa se ten tratado con moita anterioridade por outros autores.
En bo estado
Se non tiveramos acceso ao recinto relixioso, as poucas imaxes que existirían destas pezas, e que ilustran este traballo, serían as relacionadas cunha denuncia formulada por L. G. L., dado que as obras que se estaban a realizar non seguían a lexislación existente en materia do patrimonio cultural. Actualmente, as pezas atópanse nun relativo bo estado de conservación aínda que afectadas por elementos vexetais, o cal dificulta unha correcta lectura dos elementos ornamentais ou campos epigráficos que se alcanza a observar nelas.
Poderiamos destacar unha por riba de todas, a de maior tamaño (ou conservación) que presenta unha simple representación masculina e diferentes elementos que fan sospeitar que nos atopamos ante a tumba dun relixioso. O campo epigráfico atópase en relativo bo estado de conservación e permítenos obter certos datos do defunto, como parte do seu nome (Francisco), idade (79 anos) e posible data do deceso (5? de agosto de 1800?).
É digno de facer constar a prudencia e bo facer do actual párroco, Alfonso Mera Nogueiras quen, por evitar calquera tipo de dano nelas, preferiu deixalas como están.