Milagros Rey, presidenta de Ámbar: «Esta agrupación xa forma parte de nós»

Christopher Rodríguez
cHRISTOPHER RODRÍGUEZ LA VOZ / RIBEIRA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O colectivo afronta o futuro con entusiasmo tras celebrar o 40 aniversario da súa fundación

27 oct 2022 . Actualizado a las 20:37 h.

Axuda. Iso que é tan fácil de pedir e non tan simple de dar. Algo que en moitos casos pode parecer banal e anecdótico, en outros é un xesto dun valor incalculable. Por iso, en ocasións, é necesario destacar o esforzo de asociacións como Ámbar, que traballan a diario para promover a inclusión social das persoas con diversidade funcional.

Dentro do colectivo destaca a figura da súa presidenta, Milagros Rey (Escarabote, 1957), que tras máis de tres décadas dentro da agrupación, móstrase agradecida e orgullosa por estar presente nunha data tan especial como o 40 aniversario de Ámbar: «Quedei moi satisfeita de ter celebrado este acontecemento. Son moitos anos dende a fundación e non chegaríamos a eles se non fose pola implicación e compromiso de todos os integrantes».

A principios de setembro, con motivo desta data, o restaurante Baiuca foi o lugar no que decenas de persoas se reuniron para conmemorar e agradecer a actividade que esta agrupación leva realizando dende hai 40 anos en toda a comarca.

Foi a primeira vez que celebraban un evento desta índole e, a cita, non defraudou: «Nunca fixeramos algo semellante, pero pareceunos a forma adecuada de conmemorar o aniversario, cos que nos levan acompañando todo este tempo. Empresas, entidades, mozos e maiores que estiveron e están aí para axudar e botar unha man».

Na actualidade, cada día reúnense no centro de recursos de Ámbar 102 persoas, 72 usuarios e 30 colaboradores, o que fai que cada xornada de traballo sexa todo un reto que dende a asociación non dubidan en afrontar con gusto: «É a nosa labor, adaptarnos aos obstáculos que se van producindo. Solucionamos problemas, deixamos plans para máis tarde... Ámbar está vivo e ten un compromiso coas persoas que o necesitan. Esta agrupación xa forma parte de nós».

Calidade humana

Milagros Rey entrou a formar parte de Ámbar nos anos 90, e leva 25 comandando a asociación, pero aínda que o seu traballo é clave na actividade diaria da entidade, ten claro que o mais importante é a presenza de profesionais capacitados e con ganas de axudar ao próximo.

Isto, segundo comentou súa presidenta, é unha das características principais que propiciou o éxito do colectivo dende o 1982. Un bo funcionamento que espera que se siga prolongando: «Non sería posible sen as persoas que rodean toda a nosa actividade, individuos que valen moito como persoas e como profesionais. É un auténtico pracer traballar ao seu carón, fano todo máis sinxelo».

Nestes 40 anos, a asociación viviu momentos álxidos e tamén situacións comprometidas, unha delas, a pandemia da covid-19, que condicionou notablemente a súa actividade. Tras uns anos complicados e coa problemática algo máis aparcada, en Ámbar adaptaron súa actividade, factor que en algúns aspectos manteñen na actualidade: «Tivemos que modificar a nosa forma de traballar. Foi clave a coordinación coas familias. Na actualidade non vivimos nunha normalidade total, seguimos con algunhas medidas de prevención».

Tralo aniversario, dende a asociación afrontan o futuro con entusiasmo, coa expectativa de chegar a cada vez máis persoas con diversidade funcional que se unan ás centos que, dende súa fundación, pasaron polas instalacións de Ámbar en Ribeira.

Para Milagros Rey, este colectivo é moito máis ca iso. Dende ben pequenas, súas fillas medraron da man de Ámbar e, agora, súas netas son as que adquiren os valores da asociación, deixando entrever unha nova xeración de colaboradores de apelido Rey: «Intento inculcarlles que todos temos cabida neste mundo e creo que van polo bo camiño».