A emprendedora de Ribeira que lanzou na rede unha plataforma de cursos en galego

adriana quesada / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Na Utopía é pioneira na oferta de talleres en liña por e para xente de Galicia

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Utopía é unha plataforma de cursos ofertados integramente en galego que nace da man da deseñadora gráfica Lorena García (Aguiño, 1992). Despois de dedicarse á súa profesión durante varios anos en Madrid, comezou a realizar pequenos proxectos en galego que a levaron a afastarse cada vez máis da disciplina do deseño de axencia. Desta forma, no momento de volver a Galicia, xa tiña claro que «quería facer algo útil a través da súa profesión».

Durante dous anos tivo a idea da plataforma roldando pola súa cabeza e o momento de levala a cabo chegou cando se viu no paro e «buscaba algo que facer na seguinte etapa da vida», rexeitando así o deseño centrado na publicidade e tamén os traballos de autónoma debido a súa inestabilidade. Sendo unha gran seguidora da innovación dentro de Galicia, decidiu que desexaba darlle visibilidade a todas esas persoas do mundo creativo, divulgativo e técnico que tiñan unha «gran cantidade de traballos de moita calidade que a xente se estaba a perder».

Ademais, como deseñadora sabe traballar en varias disciplinas, polo que o proxecto en si non lle resultaba imposible. Non obstante, finalmente precisou da colaboración de dúas persoas. Anxo Sánchez axudouna a desenvolver a páxina web de Na Utopía e Nando Pérez encargouse da música que acompaña varios dos vídeos por medio do seu proxecto Caixón DeSastre.

Na parte económica, asegura que tivo a sorte de ter algúns aforros e que, ademais, recibiu algunha «axuda para emprendedoras». A pesar disto, é consciente de que resulta moi complicado emprender nun momento como o actual. Aínda así, espera que o proxecto guste e interese para poder seguir adiante con el, xa que para ela esta plataforma é «o seu traballo principal».

Tamén asegura que a acollida está sendo moi boa e que, polo momento, só está a recibir comentarios positivos. Non obstante, considera que falta un pouco de tempo para que máis xente coñeza a plataforma. Ademais, tamén é consciente de que existe certo escepticismo cara «pagar por cursos online e mercar contido dixital», polo que é un proxecto que aínda está a despegar.

Debido á necesidade que xorde en Lorena de «que teñan máis presenza e visibilidade todos eses traballos de gran calidade que se están a desenvolver no panorama galego», decide lanzar esta plataforma que ten como obxectivo amosar a ditos profesionais á xente: «É un proxecto que tenta dar, dentro das miñas posibilidades, un pequeno impulso ao traballo destas persoas».

Compromiso co idioma

Por outro lado, ela mesma considérase unha persoa comprometida co idioma. Ela observaba como a maior parte da xente acudía a plataformas en castelán ou inglés para facer cursos, polo que considerou que era o momento de que emerxera unha plataforma de ditas características, pero na súa lingua. Desta forma tamén ten o obxectivo de «demostrar que é un idioma igual de válido para todo tipo de ámbitos» e que non é preciso recorrer a outros para aprender.

Neste intre, a plataforma Na Utopía ofrece cinco obradoiros dentro das disciplinas de artesanía, comunicación, fotografía e música. Segundo Lorena, «a idea é que haxa moitísimos máis», pero asegura que tamén hai que ter en conta que é un proxecto moi ambicioso que tan só ten unha persoa detrás. Ela é a encargada de editar os distintos cursos que se ofrecen e está en constante contacto con novos profesionais para que se unan ao proxecto.

Non obstante, o seu obxectivo é que haxa dous ou tres obradoiros máis durante o resto do verán e «seguir aínda con máis forza en setembro». Neste momento está dedicada a conseguir obradoiros de iniciación nas distintas disciplinas, pero espera ofertar cursos máis específicos da man de xente especializada en materias como o uso de determinados programas de edición de imaxe ou vídeo e tamén talleres orientados á ilustración ou á escrita, entre outros.