Xa o sabía eu

José Vicente Domínguez
josé vicente domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

RIBEIRA

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No cruce da desaparecida cafetería María, cando en Ribeira aínda non había semáforos, os escasos coches circulaban anarquicamente en todas as direccións, de xeito que decidiron poñer alí un garda municipal. Así, entre cunca e cunca de viño, o intelixente municipal que se ocupaba do tráfico, saíu ao cruce a cumprir co seu traballo e, alporizado como estaba polos efluvios, deulle paso a dous coches a un tempo. Entón, o mal pagado garda, vendo a desfeita da inevitable colisión, botou as mans á cabeza exclamando todo convencido: «Xa o sabía eu!».

E, por suposto, todos coñecemos o conto do burro do xitano. Si; o que a piques estivo de acostumarse a non comer —e seguro que o ía lograr— se non fose porque morreu no intento.

Pois xa ven. O mesmo está a pasar coa sanidade de lugares como Palmeira, Taragoña ou Cabo de Cruz. Era sabido que cando non se lle paga ben aos médicos e non se prevén relevos para ocuparse das lóxicas xubilacións, baixas por enfermidade e demais contratempos, ía chegar o momento en que non habería de quen votar man. Non era complicado prevelo, pero era máis cómodo e económico deixar que o problema se arranxase só, ao estilo de Rajoy.

Posiblemente, os responsables da sanidade non teñan burro nin beban cuncas de viño; pero dá a impresión de que levan demasiado tempo ocupándose dos cartos máis que deste importante servizo público. E así, con esa premisa, baixo os efluvios da maioría absoluta, ante a desfeita que teñen diante, limítanse a exclamar: «Xa o sabía eu!».

Pero aínda hai quen desculpa a lamentable herdanza da sanidade que nos deixa o Partido Popular, por aquilo de que Alberto Núñez Feijoo é un gran xestor. Contra tales afirmacións da abundante cohorte de aduladores, non podo deixar de lembrar a opinión de Ramón Baltar, o intelixente profesor de latín, cando di que mellor nos iría se o país o dirixise un bo político, que soubera rodearse de bos xestores.

Os xestores poden saber como aforrar cartos reducíndolle a palla ao burro ou controlando as cuncas de viño que bebe o garda da porra. Pero os bos políticos valoran a felicidade e o benestar dunha boa sanidade tanto preventiva como terapéutica, por enriba dos números que, a fin de contas, saen dos nosos petos. E a saúde, queridos veciños —tamén a do burro— debe estar por enriba das prácticas económicas deses supostos bos xestores.