Álex Millet: O músico de Ribeira que persegue a innovación sen perder a esencia

aDRIANA QUESADA / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

sainza pardal

Estrea «Memorias dunha illa», unha obra sobre as lendas e historia de Sálvora

06 jul 2022 . Actualizado a las 08:51 h.

Álex Millet é un artista de Aguiño cuxa traxectoria musical emprendeu a unha idade temperá, cando aos 7 anos conseguiu un acordeón de xoguete que o iniciou no mundo das notas e a música. Dende ese momento comezou a realizar proxectos musicais, os cales culminan cando publica o seu primeiro disco, Experiencias, no 2018, e no momento no que se fai director da Orquestra Sons, no 2020. Un dos obxectivos que persegue cando crea as súas composicións é a mestura de «sonoridades galegas con outros estilos». Para el, a música galega é importante e apoia todo tipo de iniciativas sonoras nesta lingua, pero tamén considera que «os ritmos pódense mesturar sen perder a esencia».

Rompendo coa idea de manter as estruturas tradicionais na música, Álex Millet considera que este tipo de innovación é unha forma de asegurar que a súa produción siga adiante. Ademais, está seguro de que «se nós non aproveitamos as nosas sonoridades ninguén o vai facer».

Durante o verán de 2021 estivo traballando nun novo proxecto, Memorias dunha illa, unha obra que ten detrás «tres meses de composición e outros seis de montaxe». A súa estrea levarase a cabo este sábado, na praza do concello de Ribeira. Ademais, tamén será amosada ao día seguinte no castelo de San Antón en A Coruña. Ámbalas dúas sesións serán ás 22.00 horas.

Detrás de Memorias dunha illa hai unha creación instrumental baseada nas lendas que existen en torno a Sálvora, pero tamén anacos da súa historia, como o afundimento do barco Santa Isabel. «Ocorréuseme dunha forma moi curiosa, cando ía en bicicleta e vin a illa nun momento no que estaba preciosa», asegura. Aquela imaxe fixo que sentise ganas de crear algunha obra centrada neste lugar e na súa historia, o que rematou por converterse nesta nova composición.

Fonte de inspiración

Esta obra é especial para el debido a que «a fonte de inspiración está no meu entorno». Ademais, é unha creación na que se mesturan instrumentos sinfónicos tradicionais con sonoridades galegas, buscando transmitir todo o que emite o mar: «Incluso temos un momento no que imitamos o son das gaivotas cos instrumentos».

A pesar de que non é a súa primeira presentación, mesmo despois do parón producido pola pandemia, é a súa «primeira obra instrumental destas características», polo que asegura que está moito máis nervioso que noutras das súas actuacións, xa que descoñece cal será a reacción da xente. De feito, asegura que é «unha peza bastante dura de tocar», debido á intensidade de determinados momentos.

Na estrea de Memorias dunha illa tamén se levará a cabo unha segunda presentación, a de O que o tempo non puido borrar. Esta obra, tamén composta por Álex Millet, está «inspirada nos monumentos celtas que temos e que o tempo non foi quen de borrar». Neste caso, segundo explica o músico ribeirense, trátase dunha peza máis pequena e dividida en dúas partes: unha máis lenta e outra cunha sonoridade «moi celta, na que están presentes instrumentos de percusión galegos, como o son a pandeireta e o pandeiro».

Na interpretación das dúas obras, a cargo da Orquestra Sons, non só haberá música, senón que os artistas estarán acompañados por un espectáculo de luces. Desta forma, o ribeirense pretende transmitir as emocións adecuadas con máis precisión. Engade que este tipo de proxectos non serían posibles sen a xente que traballa con el e os concellos que lle brindan espazos para amosar a súa obra á xente. Por todo isto, asegura estar moi agradecido aos concellos de Ribeira e A Coruña.

Traxectoria. Millet publicou o seu primeiro disco, Experiencias, no 2018. Desde hai un par de anos dirixe a Orquestra Sons.

Concerto. Na actuación do sábado (praza do Concello, 22.00 horas) participarán 23 músicos. O repertorio incluirá temas clásicos da música galega.