Xabier López Marqués dá voz aos ecos da memoria nun novo poemario

Ribeira / La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Presentou no Lustres Rivas de Ribeira «Murmurios (de) ausentes»

02 abr 2022 . Actualizado a las 20:06 h.

Coma unha poesía que foxe de lugares comúns, que esixe tempo demorado de lectura, culta e con citas literarias, musicais e filosóficas definiu a poetisa Mariña Pérez Rei o novo traballo de Xabier L. Marqués. A obra, titulada Murmurios (de) ausentes, foi presentada o venres nun acto celebrado no Centro Cultural Lustres Rivas. Trátase dun poemario que lle permite aos lectores ver como se vai construíndo o obradoiro do poeta.

No seu percorrido polo traballo de Marqués, a poeta salientou a identificación do autor co Barbanza e co mar de Ribeira. Tamén fixo referencia á riqueza lingüística da obra, a súa insurxencia, propia de toda poesía verdadeira. Destacou que o poemario ten unha función apelativa, porque o actor debe decidir e, polo tanto, intégrase no contido como se de algo persoal se tratase. Afirmou que se trata dunha poética de resistencia, con certo hermetismo, onde se perciben o caos, a éxtase, a perda.

Especial atención prestou Mariña Pérez Rei durante a súa intervención a dous poemas concretos para amosar que o autor parte da natureza. Explicou que a poesía segue o ritmo da vida, da auga como metáfora do fluír. Rematou destacando o coidada que é a edición e gabando as ilustracións que acompañan os poemas e que son obra de Fidel Vidal.

 

Precisamente, este último tomou a palabra para sinalar que a súa pretensión non foi ilustrar, senón acompañar o poemario coas súas creacións. Destacou o seu abraio pola riqueza lingüística da obra, porque os homes da súa xeración foron privados do ensino do galego e iso deixou pegada neles.

Centrouse tamén en examinar o sentido profundo do título que, dixo, mostra xa que a obra escolle a voz baixa, os murmullos, a ausencia, o marxinal.

Un nutrido grupo de persoas encheron a sala de actos do Lustres Rivas nun acto, organizado polo Concello de Ribeira, Asociación Cultural Barbantia e Deputación da Coruña, que estivo presentado pola concelleira de Educación, Nucha Brión, encargada de presentar a os poñentes da presentación.

Rematou as intervencións Xabier L. Marqués, expoñendo que pretendeu nesta obra a súa inmersión na memoria, máis ampla que os recordos. Afirmou que o murmullo é o eco que chega da memoria para restaurar a vida e que a poesía dá voz aos ecos que van chegando.

O encontro literario finalizou coa lectura dun dos poemas da obra por parte da responsable de normalización lingüística no Concello de Ribeira, Alicia Padín. O autor tamén firmou exemplares da obra.