A ver quen se atreve

José Vicente Domínguez
josé vicente domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

RIBEIRA

10 mar 2022 . Actualizado a las 11:05 h.

Lémbrome dun maquinista, vello el, a quen a electricidade marítima lle chegara tarde. De maneira que, nunha ocasión na que quedamos parados sen corrente eléctrica naquel vello candrai que bastante tiña con manterse a flote, o home subiu correndo ao ponte, dicindo: «Eu non lle toquei a nada!».

Pois así semella a actitude do máximo responsable da alcaldía e, por ende, do urbanismo de Ribeira, cando, no último pleno da corporación municipal, sen inmutarse, solta: «Non serei eu quen lle dea para adiante á modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) para adaptalo á nova lei». A verdade, non parece propio escoitar tal aseveración dun político obrigado a adaptar as leis á normativa emanada de órgano superior, e de facelas cumprir.

Podémonos preguntar cales poden ser as razóns de non actuar e deixar as cousas como están. Unha delas podería ser non estar de acordo coa lei da Xunta de Galicia gobernada polo seu propio partido. Outra, o medo a adaptar o PXOU e perder votos por iso. E logo estarían outras razóns descoñecidas.

Pois ben; de tratarse do primeiro caso, o responsable do cumprimento da harmonización territorial do seu concello debería ter a valentía política de criticar e tratar de corrixir abertamente a nova lei que, segundo el, non harmoniza e prexudica seriamente aos seus veciños.

Caso de ser por medo a perder votos e con elo a alcaldía, a falta de actuación sería moi lamentable.

E, de ser por razóns descoñecidas, que queren que lles diga? De calquera xeito, non é válida a política de botar balóns fóra, permitindo un «ti vai facendo» habitual en tempos pasados, nos longos anos de goberno do PP, e tamén agora, deixando sen tocar un PXOU manifestamente mellorable.

Non parece doado permitir que Ribeira se atasque aínda máis dando licencias polo PXOU vello. Segundo os redactores da nova norma, irían en contra dun bo e harmónico urbanismo que tanta falta fai acometer no noso concello. A política de o que veña detrás que arree, non é propia de responsables políticos que se precen.

Os intereses xerais e de futuro deben prevalecer por enriba de calquera outra consideración. Pois, con ese pouco edificante «a ver quen se atreve», dito polo alcalde, fraco servizo se lle fai ao futuro de Ribeira. E aos grupos que se abstiveron na votación, contarlles o do vello maquinista e dicirlles que para algo están aí.