
Este ano, por algún motivo descoñecido, as pastelerías de Compostela comezaron a facer filloas e orellas, sobre todo orellas, en xaneiro. Pasoulles como ás mimosas, que apareceron antes de tempo. Unhas rápidas chamadas de comprobación tranquilizáronme: parece ser que o andazo de cociñar sobremesas de entroido antes de tempo non se estende tan rápido como as mimosas ou as velutinas e aínda non chegou ás pastelerías da Pobra, de Boiro ou de Ribeira. Pero chegará, como todas as cousas malas.
O outro día roñáballes nesta columna sobre o clima seco tan inusual e como o corpo me pedía humidade ata que me nacera verdín ata as orellas. Hoxe continúo co mal humor da tempada para declarar que eu as orellas só as como de masa cando nas cociñas se poñen outras similares, de porco, a ferver na pota do cocido. Os cambios culturais no mundo, que van moito máis rápidos do que moitas veces nos decatamos, fannos pensar que podemos gozar das cousas boas, como as filloas e orellas, en calquera momento. E logo por que non? Á fin e ao cabo son produtos de todo ano: fariña, azucre, leite, unto ou aceite.
Pero eu estou cun dos filósofos máis populares do noso tempo, o alemán-coreano Byung-Chul Han, que defende que os rituais nos protexen das agresións do mundo. Así que aínda que son doadas de facer (ben, depende de para quen), só como orellas cando ao mundo se lle permite revirarse: no entroido. Porque mentres escollamos en que momento gozar das cousas boas, aínda teremos algo de control sobre o noso mundo.