Jonathan Figueirido, pastor en ICE Renovación: «Canto máis contacto tes coa xente, máis necesidades vas descubrindo» 

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Vai avanzando fases no seu proxecto de atención social integrada de Santa Uxía

12 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nado en Vigo, Jonathan Figueirido pasou bastante tempo da súa vida en Ribeira, despois do cal marchou para vivir máis de 30 anos a cabalo entre Madrid e Valencia. Agora que xa hai cinco anos que regresou, non pensa deixar atrás a ningún habitante da vila, desenvolvendo un proxecto de inclusión social que pretende chegar a todos os ámbitos das persoas en risco de exclusión.

—Como comezou ICE Renovación?

—Este é un nome compartido entre a Igrexa e o noso plan de atención social. De feito, os fondos económicos que sustentan os lotes de alimentación e de roupeiro que damos saen de aí. Queremos servir á nosa comunidade e poder atender todo tipo de necesidades relacionadas. Eu traballei moitos anos en países do norte e do centro de África con nenos e nas escolas, e na India en poboados de zonas tribais. Cando volvín a Ribeira, retomei algo que xa se estaba facendo pero coa idea de levalo máis alá.

—En que consiste ese proxecto de atención social?

—Principalmente poñemos atención á alimentación, aínda que tamén temos un servizo de roupeiro, pero agora queremos ir máis alá. Canto máis contacto tes coa xente, máis necesidades vas descubrindo. Estamos en trámites co Concello de Ribeira, que sempre nos apoiou, para seguir avanzando en distintas fases.

—Cales son esas necesidades que máis detectades?

—A de alimentación é a que máis. Agora mesmo atendemos arredor de 70 ou 75 familias. A maioría está buscando traballo, teñen dificultades para facer fronte ao alugueiro e ás facturas. Neste sentido, facemos catro lotes estándar de comida, aínda que se poden facer modificacións segundo as necesidades concretas da familia, e clasificamos atendendo a varios parámetros como son o número de membros da unidade, os ingresos totais ou a idade.

—En que consisten as novas fases que preparan?

—Hai un paso intermedio que é o almorzo solidario, que xa está en marcha. Nós poñemos o local, co custe que ten de uso, facturas e o seguro de responsabilidade civil e os voluntarios; o Concello fai a selección de usuarios e pon os alimentos que nós imos dar. Ademais disto, o novo proxecto se divide en dúas fases para poñer en marcha unha lavandería solidaria e un plan que atenda de forma global a hixiene persoal.

—Como se vai desenvolver esta lavandería?

—A previsión sería que esta primeira fase estea plenamente operativa a mediados de febreiro. Estamos no proceso de mercar unha lavadora e unha secadora para poder ofrecerlle ás persoas sen teito e ás que non teñen recursos un lugar onde lavar a súa roupa. Baixo cita previa, nós levaríamos a cabo todo o proceso de lavado e secado. Ademais, como todo isto leva o seu tempo, queremos habilitar o «calor café»: un espazo onde a xente poda agardar mentres toma algo quente e onde teña á súa disposición xogos de mesa e televisión. En principio queremos que o «calor café» estea dispoñible para calquera que o precise, non só para os que veñan lavar a roupa.

—E a segunda fase?

—Esta parte xa é algo máis complicada, ao contar co apoio do Concello seguramente terá que pasar polo pleno e por iso aínda non temos data de implantación. Consistiría na instalación de duchas no noso local; temos aseos, pero hai que facer unha adecuación importante en canto a mobilidade e accesibilidade. Isto tamén implica un maior custe, xa que a reforma se leva gran parte do orzamento. Así, quen o precise podería vir a asearse. Tamén estamos valorando un servizo de perruquería básico para arranxar cortes de cabelo e unllas. Desta forma, cubriríamos as necesidades básicas de alimento.