Raúl Santos: A pluma de Ribeira que se estrea adxudicándose o Torrente Ballester

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Raúl Santos asegura que aínda non acaba de crer que sexa o gañador do premio da Deputación.
Raúl Santos asegura que aínda non acaba de crer que sexa o gañador do premio da Deputación. MARCOS CREO

Conseguiu o prezado galardón con «Cornucopia», a súa primeira novela

16 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O círculo literario de Barbanza vén de gañar un novo membro, que entra ademais pola porta grande. Trátase de Raúl Santos Ageitos (Ribeira, 1976), que se estreou como escritor gañando un dos certames máis prestixiosos de Galicia, o Torrente Ballester que promove a Deputación da Coruña. Adxudicouse o galardón na modalidade de narrativa en lingua galega coa novela Cornucopia, un texto que, segundo explica o propio autor, é froito dun proceso longo e meditado, tanto é así que comezou a coller forma alá polo 2013.

O ribeirense púxolle o punto e final ao volume este ano, pero recoñece que o proceso de escritura non foi constante. Iso si, cando rematou soubo que o libro tiña que ver a luz: «Nunca antes sentira esa necesidade de publicar, pero con esta novela si. Por un lado pensaba que non ía ter posibilidades, pero por outro consideraba que tiña que tentalo». E optou por concorrer á edición número 33 do Premio Torrente Ballester: «Quixen empezar polos certames importantes, consciente de que xa habería tempo para os outros».

O pasado venres recibía a feliz noticia: «Non o acabo de asumir, cando mo comunicaron fíxoseme un nó no estómago e non sabía nin que facer nin que dicir. Estou moi contento». Convenceu ao xurado cunha novela na que conta a historia dun rapaz que ten a capacidade de facer realidade todo aquilo que desexa, pero como non é consciente dese poder, a súa vida non é o satisfactoria que debería. «A maiores, vanse cruzando outras historias paralelas e hai momentos en que semella que escapo dese fío principal, ao que sempre acabo volvendo», explica o escritor.

Aínda que era consciente de que lograra argallar unha boa historia, Raúl Santos non esperaba obter o prezado galardón: «Con Cornucopia foi a primeira vez que quedei realmente satisfeito despois de poñer o punto e final e mesmo lle deixei ler fragmentos a coñecidos que me dixeron que pagaba a pena. Unha parte de min cría que non tiña posibilidades e outra moi pequena dicía que ao mellor era posible. Ao final gañou esta».

Afeccionado desde neno

Con esta premiada novela, o ribeirense irrompe no eido literario de Barbanza, do que permanecía afastado pese a recoñecer que leva escribindo desde que era un neno: «Sempre me gustou ler e chegou un momento no que sentín a necesidade de escribir, pero nunca antes me tirara publicar». En folios en branco expresaba pensamentos e mesmo lle daba forma a pequenos relatos. No longo proceso de construción de Cornucopia, Raúl Santos completou unha segunda novela, sobre a que apunta que é probable «que algún día faga algo con ela».

Loxicamente, recoñece que obter un premio coma o Torrente Ballester constitúe o mellor dos impulsos para seguir escribindo e mesmo para tratar de publicar outros textos, pero amósase cauto: «Agora hai que esperar a que o libro vexa a luz e comprobar a resposta dos lectores». Nese sentido, advirte que a novela vai dirixida a todo aquel que queira gozar da historia que encerra: «Nunca pensei en escribir para un público concreto».

Si ten claro que, como en Cornucopia, o idioma que empregará será o galego: «É a lingua na que aprendín a falar, na que penso e na que me saen as palabras de forma natural». Tampouco pensa de momento en modificar as liñas técnica e temática: «Sempre escribo narrativa, tirando cara a ficción, a novela ou o relato. Ás veces son textos máis reflexivos que se aproximan ao ensaio».

O mellor de gañar o Torrente Ballester é para Raúl Santos ver valorado o seu traballo por parte dun xurado integrado por especialistas na materia, así como as mostras de cariño que está recibindo. Por iso, o ribeirense recoméndalle a todos os escritores noveis que aínda non se atreveron a dar o paso, que atravesen a liña: «É unha experiencia moi satisfactoria».