«A culpa do pai», unha psicanálise de Fidel Vidal con Hamlet no trasfondo

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

O libro foi presentado no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia

31 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa adiantaron Xesús Laíño e Manuel Cartea, en representación da Asociación Cultural Barbantia, que o libro que se ía presentar, A culpa do pai, obra do ribeirense Fidel Vidal, era complexo, difícil, pero rico e interesante, o que semellan conclusións contraditorias, pero a medida que se desenvolveu o acto mensual da entidade, que tivo por escenario o Centro Cultural Lustres Rivas, o anunciado foise facendo realidade nas propias intervencións do polifacético autor, abondosas de divertidas anécdotas, interesantes teorías profesionais e outras perlas que foi deixando ante unha audiencia moi fiel ao seu veciño.

Sinalou Cartea, presidente de Barbantia, que A culpa do pai entra no mundo da psicanálise, que non está ao alcance de todos «nin de min», pero si de Fidel Vidal, que foi profesor e psiquiatra, é pintor e poeta, e ao que lle formulou unha primeira pregunta: «Por que este título?».

O escritor empezou agradecendo estar no acto de Barbantia, entidade á que pertence dende a súa creación, a cesión do local e a asistencia, entre ela a do alcalde, Manuel Ruiz, ao que cualificou como «un home máis desta orquestra» e respondeu á súa condición de polifacético declarándose «un diletante que moito abarca e pouco aperta. Pero eu fago todo iso porque o paso ben lendo, escribindo, pintando. Son un produto manicomial, pola miña experiencia clínica», e a continuación pasou a explicar a súa obra, a figura do pai desde o punto de vista do Hamlet do Edipo Rey de Sófocles ou de O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro; ou o pai todopoderoso de San Juan de la Cruz ou San Francisco de Asís.

Culpables

A disertación de Vidal, guiado polas preguntas de Cartea e Laíño, foi deixando teorías, frases e conclusións interesantes. «Está o pai que impón a lei, pero se non houbese lei, non habería culpa. A primeira lei escribiuse en pedra, os Mandamentos, e con eles nace a culpa. Segundo a Igrexa, cando nacemos xa somos culpables. Está todo artillado para ser culpables, incluso no paraíso déuselle todo a Adán e Eva, pero díxoselle que non comeran a mazá, e xa sabemos que as prohibicións espertan a curiosidade por experimentalas».

Lembrou cando fixo a primeira comuñón e como sentía que pecara contra todos os mandamentos, porque podían ser de palabra, obra e omisión; como estivo a punto de morrer aquel mesmo día, porque subiu á rampla do Filipino e caeu ao mar, onde foi rescatado polos amigos cando xa levaba tres tragos, e expuxo este detalle ao explicar a influencia de San Juan de la Cruz no libro, que trae a condición de pai todopoderoso, e como os frades queren chegar a ese pai a través da mesma morte que a piques estivo de sobrevirlle naquela ocasión, como un desexo inconsciente de morrer.

Preguntado polos compañeiros de mesa, Fidel Vidal foi explicando que o gozo e o pracer son distintas percepcións, que moita xente pensa que o sexo son os xenitais, «e non ten nada que ver», que Teresa de Jesús tiña «episodios histéricos» e que o amor é dar aquilo que non se ten a quen non o necesita. Asegurou que non podía amar a Deus «si son un ateo» e preguntouse que necesidade hai de rezar todos os días o mesmo. Falou dos tipos de pais, que non sempre ten que ter esta condición o proxenitor, que o pai é aquel que colles da man, no que confías.

Oasis cultural

Pechou o acto o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, felicitando ao autor, veciño da cidade, e a Barbantia, entidade á que cualificou de oasis cultural, aínda que matizou que a comarca está chea de flores que forman parte dese movemento creativo, o que demostra que é un territorio rico neste eido. Gabou a aposta da asociación por promocionar aos creadores barbanceses, e dixo: «Temos moito do que presumir, temos que presumir do noso».

De Fidel Vidal sinalou que «sabiamos pouco del e agora descubrímolo tamén como escritor. Ao escoitalo falar, póñense os dentes longos para ler este libro». E rematou destacando que actos como o que se estaba desenvolvendo son máis interesantes cando contan ca presenza de tantos veciños.

O autor de A culpa do pai encontrouse cun agasallo inesperado. O pintor Manuel Ayaso, presente na sala, foi facendo nun debuxo inspirándose na intervención de Fidel Vidal que lle entregou á conclusión do acto mensual de Barbantia.