O Carballal e A Carballa

MARGARITA FERNÁNDEZ

RIBEIRA

30 oct 2021 . Actualizado a las 12:29 h.

O carballo é, se cadra, a árbore máis emblemática da rica flora galega; unha icona patrimonial que imprime fonda pegada ao léxico do país. Cientificamente, aplícaselle á especie o termo latino robur, -oris, substantivo que significa «forza, vigor». O pertinente adxectivo robustus, -a, -um: «forte, vigoroso» sobreviviu indemne ata a actualidade.

O vocábulo remite a unha orixe prerrománica -trataríase dunha palabra xurdida pola composición de caro («perenne») e mais valo («rexo»)- que apela a dúas características fundamentais da árbore: ademais da devandita forza, a lonxevidade. Na voz «carballo» asentan numerosos fitónimos e fitotopónimos, ou sexa, apelidos e topónimos, respectivamente, que enraízan nos nomes de plantas (Carballeda, Carballeiro, Carballude, O Carballiño, Carballo, Carballosa…).

Na paisaxe galega abundan as carballeiras, bosques de carballos cuxa frondosidade impuxo nome a barrios coma O Carballal ou A Carballa, en Palmeira, onde, noutrora, a rotundidade paisaxística ilustrou o argumento etimolóxico.