Arqueoloxía no centro de Ribeira?

Ezequiel Lago Mallo

RIBEIRA

CEDIDA

Nunha intervención do 2006 atopáronse refugallos contemporáneos e materiais prehistóricos

30 oct 2021 . Actualizado a las 12:35 h.

A calquera veciño de Ribeira que se lle pregunte por algún elemento arqueolóxico da súa cidade, sen dúbida citará o dolmen de Axeitos, a pedra das Cabras ou o castro da Cidade. Se prestamos atención, estes tres xacementos pertencen a diferentes parroquias do municipio, Ribeira entre elas, pero ningún deles se encontra no centro urbano.

É certo que existe outro tipo de elementos no centro urbano que dan conta do noso pasado, dende arquitectura relixiosa (igrexa parroquial de Santa Uxía) ata arquitectura industrial (conservas Cerqueiras) pasando pola arquitectura civil (casa solariega dos Otero Goianes) pero, neses casos estamos, falando de elementos que, groso modo, non superan os 150 anos de antigüidade. Entón, non existía nada con anterioridade?

Escribía o doutor en historia moderna e veciño ribeirense Daniel Bravo Cores, neste mesmo xornal, nun remoto ano 2001: «está muy extendida la idea de que Santa Uxía es un pueblo sin historia». Nese mesmo ano publicaría unha extensa obra que abrangue case 800 anos de historia ribeirense, dende as primeiras noticias arredor do 1200 a acontecementos tan recentes como 1975. Infinidade de datos estatísticos, históricos, fotográficos e outras curiosidades teñen cabida nesa obra. Mais, conservamos algunha evidencia arqueolóxica de todo o que na súa obra nos transmite? A resposta é afirmativa, aínda que os restos sexan escasísimos.

Sondaxes valorativas

No 2006 tivo lugar unha intervención arqueolóxica no lateral dereito da igrexa parroquial de Santa Uxía por mor dunhas reformas nunha vivenda próxima. Ditas obras incidían nos bens obxecto de protección (a igrexa) e por iso, estiveron condicionadas á realización dunhas sondaxes valorativas preventivas.

Sete sondaxes manuais e dúas sondaxes mecánicas foron realizadas por arqueólogos de Adro arqueolóxica baixo a dirección de Elena Lima, entre o 16 e 27 de xaneiro daquel ano, achegando informacións moi interesantes sobre os procesos edafolóxicos que alí tiveron lugar (creación de chans) e as escasas estruturas atopadas; pero o que realmente destaca son os materiais arqueolóxicos atopados durante os traballos.

Nos diferentes estratos localizáronse dende refugallos contemporáneos ata materiais que se consideraron de adscrición prehistórica. Evidentemente, eses materias prehistóricos amósanos a pegada dos nosos devanceiros «no centro» en momentos moi anteriores ao medievo cando tería lugar a construción da igrexa románica na actual praza de Compostela, nas inmediacións da cal se artellaría un poboamento primitivo (hipótese propia); tamén se localizou un posible fragmento de adscrición medieval (dubidoso) e materiais modernos, dos que hai que destacar cinco moedas, unha delas conservando visiblemente parte da súa inscrición que rezaba PHILIPUS III, e unha moeda acuñada baixo o reinado de Felipe III (1589-1621).

Sobre as estruturas só cabe indicar que eran de escasa entidade e indeterminada función.

Despois de dedicar cinco minutos á lectura deste texto, os veciños de Ribeira continuarán dando as mesmas respostas á pregunta inicial, como é lóxico, mais espero que este pequeno relato permita coñecer que, aínda que non temos elementos arqueolóxicos visibles no centro urbano, a pegada dos nosos antepasados está xusto baixo os nosos pés.

Unhas obras a carón da igrexa parroquial foron a orixe do descubrimento