Cartea e Teira achegan a xenialidade do poeta francés Rimbaud nunha obra única

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

O Museo de Artes do Gravado acolleu unha presentación promovida por Barbantia na que se puxo de relevo a figura do autor como o creador do versilibrismo

23 oct 2021 . Actualizado a las 20:11 h.

«A poesía de Rimbaud é unha construción de imaxes. Deixeime levar polas súas verbas, percorrendo Europa, chamando a portas e andando polos camiños para facer as ilustracións», así relatou Manuel Teira a viaxe que na que se veu inmerso cos libros do poeta francés Iluminacións e Unha tempada no inferno para vestir a tradución ao galego de Manuel Cartea. Ambos son os artífices dunha obra única, a primeira que compila ambos traballos nunha edición bilingüe de 300 exemplares.

  

A publicación do libro foi posible pola colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Asociación Cultural Barbantia. Da man desta última entidade, e da Fundación Museo de Artes do Gravado, presentouse o traballo no recinto expositivo ribeirense. Na sala poden contemplarse as 35 ilustracións realizadas por Manuel Teira para as obras. No volume impreso figuran 12 delas, asinadas e numeradas polo artista.

Literatura universal

Ademais de ser plataforma dos artistas locais en tódolos campos, a Asociación Cultural Barbantia avanza na apertura á literatura universal cun proxecto de traducións que tamén se ve reflectido no seu anuario coa sección Aires de fóra. A isto se referiu na súa intervención o directivo da entidade Xesús Laíño, prologuista do libro.

Foi o director do Museo do Gravado de Artes, Xoán Pastor Rodríguez, o encargado de presentar un concorrido acto ao que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen saudou «con alegría esta nova incorporación dun clásico da literatura universal contemporánea ao galego». Ao mesmo tempo, puxo en valor o papel dos tradutores «na internacionalización da lingua propia de Galicia, divulgando a nosa literatura noutros idiomas e facendo accesible na nosa fala o mellor do producido noutras latitudes».

Precisamente, Manuel Cartea, presidente de Barbantia e un dos artífices do volume de Arthur Rimbaud, falou da súa intención de traducir a todos os autores que fixeron poemas en prosa. De feito, ten xa outro traballo a piques de ver a luz.

Na súa intervención, Cartea fixo fincapé na xenialidade do bardo francés, do que dixo que segue habendo moitas cousas descoñecidas: «Seguen a sacarse libros interpretativos da súa obra». Tamén puso en valor a súa contribución literaria: «Con Rimbaud nace o versilibrismo e desaparece a rima. A súa puntuación é única, aparentemente caótica».

Tamén tivo a oportunidade Manuel Cartea de relatar aspectos que definen a un autor bohemio que «era un lector insaciable». Relatou cando, con 14 anos, Rimbaud gañou un certame de versos en latín: «Estivo dúas horas nun acurrucado e cando lle preguntaron se ía facer algo respostou, ‘teño fame'. Trouxéronlle de comer e en tres horas escribiu un poema de 75 versos sen mirar o dicionario».

Cartea definiu a Arthur Rimbaud como un autor que «mudou a poesía mundial», todo iso a pesar de que deixou de escribir con 19 anos.

Por parte do Concello tomou a palabra a tenente de alcalde, María Sampedro, que puxo en valor o Museo do Gravado de Artes e o importante traballo de entidades como Barbantia. Ao mesmo tempo, destacou a importancia do traballo de tradución.

Cada un dos 300 exemplares está recollido nun estoxo de madeira serigrafada, nunha edición numerada.