Fabiola García: «A nova residencia será o quilómetro cero do modelo sociosanitario do futuro»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

A conselleira de Política Social considera que o novo centro residencial será un referente en toda Europa
A conselleira de Política Social considera que o novo centro residencial será un referente en toda Europa Sandra Alonso

O centro que se abrirá no edificio de Hesta Kurva disporá de cen prazas

27 sep 2021 . Actualizado a las 19:10 h.

Acaba de cumprir tres anos no cargo de conselleira de Política Social, un período que para Fabiola García (Ribeira, 1985) tivo as súas luces pero tamén moitas sombras debido a pandemia do covid. «A verdade é que foron tempos moi difíciles, sobre todo houbo meses moi intensos con esta crise sanitaria, pero hai que dicir que xa estamos cheos de enerxía, de ilusión, e de moita esperanza porque considero que vivimos un momento histórico na transformación de todos os servizos».

-Nese proceso de cambio unha peza clave será a residencia que prevé abrirse no edificio de Hesta Kurva en Ribeira. A Xunta anunciou un novo modelo de xestión, que cambios implicará?

-A nova residencia será o quilómetro cero do modelo sociosanitario do futuro. Desta pandemia puidemos extraer moitísimas leccións, e quedou claro e patente que é necesaria unha maior coordinación entre os servizos sociais e os sanitarios porque non podemos vivir de costas á realidade.

-Que novidades incorporará?

-Haberá unhas unidades de convivencia máis pequeniñas, é dicir, para que as persoas maiores se sintan como se viviran en pequenos barrios dentro da propia residencia. Tamén vai contar con habitacións máis grandes e acolledoras, así como con máis tecnoloxía para reforzar o papel dos profesionais. Ademais, o edificio de Hesta Kurva ten unha situación privilexiada, coas mellores comunicacións e a carón do mar para que poidan pasear os residentes. Entendemos que é un enclave único en Galicia.

-Dispoñer deste edificio foi clave para emprazar aquí o proxecto?

-O novo centro será de ámbito comarcal porque Ribeira é cabeceira da área, e a verdade foi o propio Concello o que nos dou a coñecer que tiñamos a disposición ese solar coas mellores conexións. Nós preferimos sempre rehabilitar un edificio existente que construír un novo. Esta residencia vai dar un servizo comarcal de máxima calidade a todos os maiores do Barbanza. Serán máis de dez millóns de euros procedentes de fondos europeos para crear cen prazas, e agora estamos ultimando os trámites co Concello para comezar canto antes a redactar o proxecto. Vai ser unha residencia na que toda Europa mirará cara o Barbanza.

-A raíz da pandemia, hai un grupo de persoas en risco de exclusión pero que pola súa idade aínda no entrarían nos centros de maiores. Nesta nova residencia haberá prazas para eles?

-É certo. Estas residencias de maiores están enfocadas, como o seu nome indica, a persoas de máis idade que xa precisan un nivel moi alto de coidados profesionais. Pero é verdade que hai outro grupo de cidadáns cos que nos atopamos cada día que ingresan nun hospital por unha fractura, por exemplo de cadeira, e que necesitan transitoriamente un tipo de atención, e unha residencia non é o lugar máis idóneo. Por iso estamos agora traballando nun modelo híbrido ou mixto entre os servizos sociais e sanitarios para poder atender a esta poboación.

-Creceron moito as listas de espera para entrar en residencias?

-Nestes momentos as listas de espera están baixando porque houbo moita coordinación durante todo este tempo para poder atender a demanda, e tamén porque en Galicia se están creando novas prazas públicas para todos os maiores que non poden vivir nunha casa e teñen que ir para un centro sociosanitaria.

-A demanda viuse afectada polos brotes nas residencias?

-A poboación está recuperando a confianza no sector residencial, estalle perdendo ese medo que algúns tiveron durante a pandemia. Quedou claro que son lugares seguros, e agora os residentes dos centros de maiores do Barbanza xa teñen por fin esa terceira dose que nos recomendaron as autoridades sanitarias e que lles dá un extra de seguridade, protección, e tamén de tranquilidade, tanto a eles como aos propios familiares.

«Imos colaborar con Rianxo en todo o que sexa necesario»

Outro dos ámbitos de acción da consellería que dirixe Fabiola García son os centros de día, un servizo que na comarca ten unha conta pendente con Rianxo.

-O Concello mercou o pazo de Rianxiño para convertelo en centro de día coa axuda doutras Administracións. En que punto está o proxecto na súa relación con Política Social?

-A Xunta prestouse a colaborar economicamente co Concello para o equipamento e posta en marcha dese centro de día, pero hai pouco estiven co alcalde de Rianxo e deberá ser el quen nos diga cal é o futuro do pazo de Rianxiño. Desde aquí imos a colaborar con Rianxo en todo o que sexa necesario.

-Hai outros concellos, como A Pobra ou Noia, que non dispoñen de escolas infantís públicas. Hai algún petición en firme para que conten que estes servizos?

-Nestes momentos estamos colaborando con todos os concellos para que cada vez se creen máis prazas públicas e que se poñan a disposición dos veciños, xa sexa a través da rede de A Galiña Azul ou como en Ribeira, que hai unha municipal. Tanto nas escolas públicas como nas privadas de toda Galicia o segundo fillo ou sucesivos teñen as prazas financiadas integramente pola Xunta, o que significa que son totalmente gratuítas. Por outro lado, non teño ningunha petición en concreto deses dous concellos, pero eu estou a plena disposición de todos os alcaldes do Barbanza por si necesitan algún tipo de infraestrutura para estudar a proposta e colaborar economicamente para poñer a disposición de todas as familias ese recurso de conciliación.

-Falando de recursos de conciliación. Acaban de aprobarse a nova convocatoria de Casas do Maior, e haberá tres na comarca. Que van supoñer?

-Acabamos de conceder 71 Casas do Maior en toda Galicia, das que tres estarán aquí. Estamos moi contentos porque se vai prestar unha atención de máxima calidade a moitas persoas que pasan moitas horas sós. Así poden convivir con outros veciños, estar acompañados e sempre atendidos, ao mesmo tempo que poden seguir vivindo nos seus domicilios, que é algo que moitos demandan.