Milagros Rey: Un baluarte da histórica loita pola inclusión

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

cedida

A presidenta de Ambar leva tres décadas mergullada na defensa dos dereitos das persoas con diversidade intelectual

12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os fillos levan aos pais a combater en calquera batalla que se lles poña por diante. Olalla fixo que a súa nai, Milagros Rey (Escarabote, 1957), se enrolara no barco de Ambar e desde alí loitara para darlle visibilidade ao colectivo de persoas con diversidade intelectual e para defender os seus dereitos. Non só superou os grandes retos que se marcou, senón que aínda hoxe, tres décadas despois de entrar a formar parte da entidade, se sente con gañas e forzas para seguir en loita. Aínda que o camiño percorrido é longo, é consciente de que quedan moitos pasos por dar.

Cando mira cara atrás e se detén no seu primeiro contacto coa asociación, Milagros Rey recoñece que nun primeiro momento se amosou contraria a ingresar no equipo directivo. Daquela, a comezos dos 90, a súa filla era usuaria do servizo que existía na Pobra dependente da Xunta e alí coñeceu a Manolo Parada: «El ía presentar candidatura para ser o presidente de Ambar e buscaba persoas que o acompañaran. Nun primeiro momento díxenlle que non, porque eu necesitaba prestarlle todo o tempo á miña filla». Pero acabou cedendo, ao facerse consciente de que a mellor loita é a que se leva a cabo en grupo.

Primeiro gran logro

Aínda que só era vogal, por petición propia, non tardou en situarse na primeira liña de batalla. Foi cando a Xunta tratou de retirarlle o apoio ao servizo para persoas con diversidade da Pobra, o único que existía na zona: «Un grupo de nais mobilizámonos e despois de moito traballo e de percorrer todos os concellos da comarca pedindo axuda, logramos que se mantivera o que hoxe é o CAD, o Centro de Atención á Discapacidade».

A implicación de Milagros Rey en Ambar foi a máis: «Cando me comprometo con algo fágoo totalmente, non estou por estar». E cinco anos despois de que Parada a convencera para implicarse na causa, xa era a súa man dereita como vicepresidenta. Emociónase cando lembra as súas palabras: «Díxome que se algo lle pasaba cría que eu era a persoa que podía tirar para diante. Da miña boca saíu un: ‘Non me fagas isto'». No ano 1997, trala morte do fundador, a boirense asume as rendas da entidade.

Desde entón ata a actualidade foron moitos os obstáculos superados e os logros conseguidos, pero Milagros Rey non dubida á hora de sinalar a apertura do centro de recursos como a primeira gran vitoria: «Peregrinamos por todos os concellos na procura dun terreo axeitado e o día que Torres Colomer nos ofreceu unha finca ideal en Frións saín flotando da reunión». E iso que aínda quedaba pendente a consecución de fondos para levantar o edificio e dotalo de material, o que non foi unha tarefa doada.

As melloras en materia de accesibilidade que se foron logrando pouco a pouco e a integración dos usuarios de Ambar na comunidade mediante a realización de diferentes traballos son outros dos logros dos que Milagros Rey se sinte especialmente satisfeita. O balance da súa traxectoria na asociación é altamente positivo, pero tamén hai materias pendentes: «As persoas con diversidade aínda non teñen o seu espazo na comunidade, senón que o deben seguir gañando día a día. Para min é unha frustración que, despois de tantos anos de loita, sigamos vivindo nunha sociedade na que só son aceptados aqueles que cumpren os canons ideais».

Plans de futuro

Como aínda lle quedan retos por cumprir, entre eles conseguir que os organismos públicos se impliquen na loita polos dereitos do colectivo e que as empresas lle dean unha oportunidade laboral ás persoas con diversidade intelectual, Milagros Rey segue con forzas para seguir, polo menos, a maior parte dos días: «Teño outros nos que me veño abaixo e digo que o necesito deixar. Cando non teña nada que achegar ireime, pero a persoa que asuma o relevo ten que vir con moitas forzas».

Ela mellor ca ninguén sabe que estar á fronte dunha asociación sen ánimo de lucro, que depende das axudas para seguir prestando servizos e incrementándoos, non é tarefa doada. Aínda así, Milagros Rey admite que é un labor moi reconfortante: «É gratificante porque loitas polas persoas, polos seus dereitos e pola súa felicidade».