Odio

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

RIBEIRA

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Será por moda, será por un espírito real de concienciación, o caso é que nos últimos tempos prolifera nos concellos da comarca a bandeira LGTBIQ+, que ata pinta pasos de peóns e mobiliario urbano. A iniciativa, de entrada, non parece facer dano a ninguén, pero resulta que eses bancos redecorados coas cores do arco da vella son obxecto de constantes sabotaxes, e mensaxes coma o «enfermos» que apareceu pintado nun deses asentos en Ribeira esta semana deixa ben claro que o problema non está na elección das cores e a súa integración co entorno, cuestión esta que seguro que escapa á sensibilidade e á intelixencia de alguén que se dedica a emborranchar desa maneira os símbolos que reivindican os dereitos das persoas. Nin máis nin menos.

Hai uns meses, unha moza trans accedeu a contar nestas páxinas a súa historia, o difícil proceso que viviu ata converterse a ollos dos demais na muller que sempre foi. Contou o que lle pasou a ela, o que significou para ela esa transición, para concienciar á sociedade e para que outras persoas que se atopen perdidas na busca da súa identidade souberan que non están soas. Non se metía con ninguén, non criticaba a ninguén. Pero só a súa molesta presenza nun medio de comunicación, a súa existencia, foi suficiente para que nas redes sociais -canta valentía hai aí agochada!- a atizaran con todo tipo de insultos e improperios. Como se tivera que importarlle a ninguén o que faga ela coa súa vida.

Pois nesas estamos, nunha deriva que dá medo e bebe directamente dos discursos de odio vestidos de normalidade democrática. Dos mesmos que agora reivindican a Lorca e quedan tan anchos.