O BNG levará ao Parlamento «os brutais recortes» no Número Un

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Reclamará que se manteñan un mínimo de 72 docentes

30 jul 2021 . Actualizado a las 20:31 h.

Para intentar frear «os brutais recortes» de persoal que a Xunta pretende levar a cabo no instituto Número Un de Ribeira, o BNG levará ao Parlamento unha proposición na que solicita a paralización desta medida, así como manter un mínimo de 72 docentes, ao igual que no curso pasado, e dous profesionais de pedagoxía terapéutica para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. De todo isto falou onte a deputada nacionalista Rosana Pérez, que estivo acompañada por representantes da ANPA do centro ribeirense e polos edís do BNG.

Explicou que a Xunta explica este recorte de profesores porque o curso que acaba de rematar foi excepcional debido á pandemia e que agora se regresa a niveis precovid. «Mais ningunha das dúas cousas é certa. Nin existiu tan excepcionalidade na dotación de profesorado no curso 2020-2021, nin tampouco agora se está a volver ao nivel dos anos anteriores, senón que se está a destinar un número moi inferior de docentes», declarou Pérez.

Inacción

Pola súa banda, o concelleiro Luís Pérez Barral acusou ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e a concelleira de Educación, Juana Brión, de manterse impasibles fronte os recortes anunciados pola Xunta en varios centros ribeirenses, tanto no CEIP de Palmeira como no IES Número Un.

«Non temos constancia de que a edila saíse publicamente a apoiar as xustas demandas da comunidade escolar», sinala, para logo solicitar a dimisión de Brión.